O Concello de Zas pon en marcha unha nova campaña de trampeo da vespa velutina coa colaboración da veciñanza

17-03-2022

 

Un ano máis no Concello de Zas prantámoslle cara á vespa velutina cunha nova campaña de trampeo que se vén de poñer en marcha coa colaboración da veciñanza e que se realizará durante os meses de marzo, abril e maio, época na que as raíñas despertan do seu letargo invernal e comezan a facer os niños.

“Esta época é clave para loitar contra esta praga”, asegurou Isidro Rodríguez, reponsable da empresa Plaguiber, durante a presentación da capaña que tivo lugar esta mañá no Centro Sociocultural de Zas. Polo que dende o Concello de Zas entendemos que a colaboración da veciñanza é fundamental para capturar o maior número posible de raíñas e evitar a formación doutros tantos niños. “Observamos que a campaña é moito máis efectiva coa colaboración da veciñanza, un xesto que temos que agradecervos dende o Concello de Zas”, sinalou o Alcalde, Manuel Muíño. Despois da presentación repartíronse xa unhas 75 trampas entre os asistentes co seu correspondente líquido atraínte para o vindeiros meses pero aquelas persoas que non puideron asistir poden achegarse calquera día da semana ao Centro Sociocultural de Zas en horario de mañá para recoller as trampas e colocalas preferiblemente en zonas onde haxa camelias.

Dende o Concello de Zas levarase un rexistro do número de trampas instaladas pola veciñanza e cada quince días deberán informar sobre as raíñas capturadas. Ademáis, instalaranse outras 80 trampas en lugares sensibles como os paseos fluviais, os exteriores dos centros educativos, nas Torres do Allo, entre outros.

Tal e como sinalou o representante da empresa responsable da campaña, “o ideal sería que o número de colaboradores se incrementase e que se reducisen o número de capturas, xa que iso sería un indicador de que a praga se está a controlar”. Os datos son cando menos alarmantes xa que só no 2021 capturáronse grazas á colaboración de veciños e veciñas de todo o municipio algo máis de 9.000 raíñas. 

Segundo se explicou, a partir deste momento comezarán a aparecer os niños primarios, polo que os avisos para a súa retirada deben realizarse no número de teléfono 012, da Xunta de Galicia. 

 

Novas relacionadas

Compartir: