Capturadas 311 raíñas nos primeiros quince días da campaña de trampeo da vespa velutina
05-05-2020
Os primeiros quince días da campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas saldouse coa captura de 311 raíñas de vespa velutina. A campaña arrancou a mediados do pasado mes de abril coa instalación de trampas naqueles puntos máis sensibles do noso municipio, como poden ser zonas de árbores con flor, froiteiras, regatos,…
Esta é unha época clave para loitar contra esta praga, xa que cantas máis raíñas se consigan atrapar a través das diferentes trampas colocadas por todo o municipio, menos niños aparecerán nos vindeiros meses. Desta forma, coa captura destas 311 raíñas evitarase a formación doutros tantos niños e de miles de obreiras. Os datos demostran que a actividade desta especie segue sendo moi intensa, xa que nas campañas realizadas nos anteriores anos capturáronse moitas menos especies no mesmo periodo. As trampas retiradas substituíronse por outras novas que se renovarán nos vindeiros días.
Como vimos indicando, a colaboración da veciñanza é fundamental para loitar contra a vespa velutina. Así, dende o Concello de Zas animamos a todos os veciños e veciñas a colocar as súas propias trampas cumprindo sempre as recomendacións actividadas pola crise sanitaria provocada polo Covid-19. Toda a información ou dúbidas sobre a praga pode aclararse a través do número de teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).
Por outra parte, as persoas que localicen algún niño pode avisar para a súa reitrada a través do número de teléfono 112.