Arranca unha nova campaña de trampeo para a vespa velutina
04-04-2019
O Concello de Zas vén de iniciar unha nova campaña de trampeo para a vespa velutina que arrancou coa instalación dunhas 60 trampas autorizadas repartidas por todo o territorio municipal e colocadas naquelas zonas máis sensibles do noso municipio.
Segundo sinalan os expertos na materia, a primavera é a época ideal para loitar contra esta praga xa que é o momento no que as raíñas se dispersan para construír novos niños. Cada raíña capturada durante este período evita o exponencial aumento dos niños e de aí a importancia de poñer en marcha esta campaña de control que prolongará ata o mes de xuño.
As trampas, que conteñen un líquido que atrae ás velutinas, colocáronse xa nos puntos máis sensibles do noso municipio que responden a zonas soleadas e resgardadas do vento, nun radio de 150 metros do niño do ano anterior e próximas aos cursos de auga. Todas as trampas instaladas están identificadas cunha etiqueta na que figura o logo do Concello de Zas e revisaranse e renovaranse cada 15 días.
No 2018 capturáronse máis de 1.500 raíñas grazas a unha campaña similar a esta posta en marcha polo Concello de Zas. A rápida intervención e instalación das trampas evitou que se formasen 1.500 niños no noso concello e no seu contorno e ademais evitou o nacemento de 30 millóns de obreiras, xa que cada niños está composto por unhas 20.000 obreiras. Neste tipo de campañas é fundamental a colaboración veciñal, polo que dende o Concello de Zas lembrámoslle a toda a veciñanza a importancia de chamar ao Servizo de Emerxencias (112 ou 012) no caso de que localicen un niño.
Ao igual que ano pasado, o Concello de Zas destina así fondos municipais para loitar contra esta praga ainda que o equipo de goberno considera que esta loita é responsabilidade da Xunta de Galicia e non dos municipios.
Novas relacionadas
- O Concello de Zas captura máis de 1.500 vespas velutina coa campaña de trampeo
- Capturadas case 600 vespas velutinas en quince días
- Capturadas 338 raíñas na primeira fase da campaña de trampeo da vespa velutina impulsada polo Concello de Zas
- O Concello de Zas instala trampas para a vespa velutina en puntos sensibles
- O Concello de Zas pon en marcha unha campaña de trampeo para a vespa velutina
- O Concello de Zas esixe que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade na loita contra a vespa velutina