O Concello de Zas pon en marcha unha campaña de trampeo para a vespa velutina
05-03-2018
Ante o inmobilismo e inoperancia da Xunta de Galicia na loita contra a praga da vespa velutina, o Concello de Zas pon en marcha nos próximos días unha campaña de trampeo na que se contemplan varias actuacións e coas que se pretende reducir ata nun 40% o número de niños. Segundo sinalan os expertos na materia, a mediados de marzo, xusto na entrada da primavera é a época idónea loitar contra esta praga.
A primeira das actividades desta campaña de trampeo é charla formativa que terá lugar o domingo, 11 de marzo, ás 17:00 horas no Centro Social de Zas. A sesión consistirá nunha charla formativa de hora e media de duración, aproximadamente, dirixida tanto aos apicultores como a toda a veciñanza do municipio. Durante a charla amosaranse niños en todas as súas fases, trampas e sistemas testados que evitan a morte por velutina das colmeas. A charla está é gratuita.
José María Vázquez – xerente de Serpa – é o encargado de impartir esta charla na que se tratarán distintos puntos, tales como identificar e diferenciar a velutina, ciclos e épocas de actuación mediante trampeo, como evitar que se instalen niños ao redor das casas e das colmeas, entre outros temas.
Outra das actuacións que levará a cabo o Concello de Zas dentro desta campaña de trampeo, é a instalación de trampas naquelas zonas máis sensibles co fin de frear a praga da vespa velutina.
O Concello de Zas destina así fondos municipais para loitar contra esta praga ainda que, o equipo de goberno considera que esta loita é responsabilidade da Xunta de Galicia e non dos municipios tal e como o sinalou no último pleno onde se aprobou unha moción na que se lle esixe á administración autonómica que actúe e se responsabilice do control desta praga.