Capturadas 338 raíñas na primeira fase da campaña de trampeo da vespa velutina impulsada polo Concello de Zas
04-05-2018
En pouco máis dun mes e sen que as condicións climatolóxicas fosen as máis favorables, a campaña de trampeo da vespa velutina impulsada polo concello de Zas está a ser un éxito. Dende que comezou a instalación de trampas nos puntos máis sensibles do noso municipio, o pasado 18 de marzo, capturáronse un total de 338 raíñas o que supoñería outros tantos niños de vespa velutina.
As cifras dispáranse no cálculo das obreiras. Segundo sinalan os expertos, cada niño está composto por unhas 20.000 obreiras polo que nesta primeira fase da campaña evitáronse así máis de 6.700.000 vespas asiáticas.
Os datos demostran que a expansión da praga continúa en aumento polo que, o goberno do Concello de Zas puxo en marcha un protocolo de actuación ante a pasividade da Xunta de Galicia no control desta praga que afecta a toda Galicia.
Colocación de trampas
A campaña de trampeo continuará ao longo de todo o mes de maio coa renovación das trampas nos puntos máis sensibles do municipio. Para seguir freando esta praga é fundamental a colaboración da veciñanza animándoos a que coloquen as súas propias trampas. Para realizalas é necesaria unha botella de plástico que conteña líquido atraínte, como por exemplo zume, e cuns buratos que permitan a entrada das vespas. Os puntos máis sensibles atópanse en zonas de árbores con flor, como camelias e rododendros, e de árbores froiteiras.
Así mesmo, os apicultores poden colaborar indicando a localización das súas colmeas por ser lugares sensibles ao ataque da velutina. Toda a información ou dúbidas sobre a praga pode aclararse a través do número de teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).