Capturadas case 600 vespas velutinas en quince días

05-06-2018

A campaña de trampeo da vespa velutina impulsada polo Concello de Zas continúa dando bos resultados. Así  durante a última quincena de maio as trampas instaladas nos puntos máis sensibles do municipio capturaron un total de 577 exemplares, das cales 368 eran raíñas e 209 obreiras.  Co fin de frear esta praga, o pasado venres instaláronse novas trampas en distintos puntos do municipio. Os artiluxios están numerados e etiquetados co logo do concello para que sexan facilmente recoñecibles.

O Concello de Zas puxo en marcha esta campaña de control da praga no pasado mes de marzo destinando así fondos municipais “a un problema que é competencia da Xunta de Galicia”, tal e como indica o Alcalde, Manuel Muíño.

Para seguir freando esta praga é fundamental a colaboración da veciñanza animándoos a que coloquen as súas propias trampas. Para realizalas é necesario unha botella de plástico que conteña líquido atraínte e uns buratos que permitan a entrada das vespas. Os puntos máis sensibles atópanse en zonas de árbores con flor, como camelias e rododendros, e de árbores froiteiras. Así mesmo, os apicultores poden colaborar indicando a localización das súas colmeas por ser lugares sensibles ao ataque da velutina. Toda a información ou dúbidas sobre a praga pode aclararse a través do número de teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).

Novas relacionadas

Compartir: