Capturadas máis de 850 raíñas de vespa velutina en quince días

14-04-2021

 

Nos primeiros quince días da campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas capturáronse un total de 857 raíñas de vespa velutina o cal significa que se evitou a formación doutros tantos niños. Grazas á colaboración da veciñanza, o número de capturas é moi superior ao dos anos anteriores. En concreto nestes primerios quince días da campaña capturáronse case 500 raíñas máis que no mesmo período do ano pasado. 

Co fin de frear esta praga, o Concello de Zas conta este ano coa colaboración de máis de 120 veciños e veciñas aos que se lle facilitou trampas e líquido atraínte. Ademáis, e ao igual que nas pasadas campañas, instaláronse trampas naqueles puntos máis sensibles do noso municipio como poden ser zonas nas beiras dos ríos, paseos fluvais, parques infantís,… que se renovan cada quince días. As trampas están distribuidas entre as 16 parroquias que forman o noso municpio tal e como se pode ver na imaxe que anexamos. Todas as trampas están xeolocalizadas co fin de controlar aquelas zonas con maior incidencia.

Segundo sinalan os expertos, o inicio da primavera é un momento clave para reducir o número de niños xa que as vespas comezan a súa actividade despois do letargo do inverno. Polo tanto, cantas máis raíñas se logren capturar nestas datas formaranse menos niños nos vindeiros meses. 

 

Novas relacionadas

Compartir: