O Concello de Zas captura máis de 1.500 vespas velutina coa campaña de trampeo
19-06-2018
A campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas deixou datos que, cando menos, resultan alarmantes e que dan mostra da proliferación dunha praga que afecta a toda Galicia.
As trampas instaladas durante estes últimos tres meses e medio en distintos puntos do municipio de Zas capturaron máis de 1.500 raíñas freando así a formación doutros tantos niños e evitando o nacemento de 30 millóns de obreiras, xa que cada niño está composto por unhas 20.000 obreiras. As trampas revisáronse e renováronse cada 15 días a través dos membros de Serpa; unha empresa especialista na extinción desta praga. Precisamente o pasado venres, retiraron as trampas da primeira quincena de xuño a través das cales se capturaron un total de 670 vespas velutinas (194 raíñas, 411 obreiras e 65 obreiras pequenas).
Segundo indican os expertos na materia, será a partir da entrada do verán cando a especie comece a elaborar niños de gran tamaño polo que o Concello de Zas recórdalle á veciñanza a importancia de dar aviso ao Servizo de Emerxencias chamando ao número 012, que serán os encargados das actuacións necesarias para proceder á súa eliminación. Por outra parte, o Concello de Zas agradece a colaboración da veciñanza na colocación de trampas.
Novas relacionadas
- Capturadas case 600 vespas velutinas en quince días
- Capturadas 338 raíñas na primeira fase da campaña de trampeo da vespa velutina impulsada polo Concello de Zas
- O Concello de Zas instala trampas para a vespa velutina en puntos sensibles
- O Concello de Zas pon en marcha unha campaña de trampeo para a vespa velutina
- O Concello de Zas esixe que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade na loita contra a vespa velutina