O Concello de Zas esixe que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade na loita contra a vespa velutina
09-02-2018
A loita contra a avespa velutina foi o tema central do pleno celebrado esta mañá pola corporación do Concello de Zas, no que o BNG e o PP presentaron cadansúa iniciativa ao respecto. A proposta que saíu adiante, coa abstención dos populares, implica que desde o Concello esixiráselle á Xunta que asuma as súas responsabilidades, xa que é a única Administración competente para combater a praga.
Por ese motivo, a corporación municipal de Zas solicita o cese dos cargos políticos responsables da loita contra a velutina dende o ano 2014 até a actualidade, así como o deseño dun plan de choque cun orzamento propio para o loitar contra esta praga. Para o goberno do BNG, as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia, en concreto pola Consellería de Medio Rural, foron unicamente “propagandísticas e insuficientes”. Os nacionalistas consideran que a Xunta de Galicia debe abrir unha liña de axudas específica para os concellos máis afectados, que permita a contratación provisional de profesionais para a retirar os niños e para previr a expansión da praga mentres non se elabora o plan de choque proposto.
Ante a gravidade do asunto, o Goberno do BNG anunciou que ao longo deste 2018 destinaranse fondos municipais para loitar contra a praga polo que está prevista a contratación cunha empresa dun plan centrado na colocación de trampas, na retirada dos niños que supoñan un maior perigo para a veciñanza así como un programa de sesións informativas. Ainda así, Manuel Muíño reiterou que a Xunta seguirá sendo a responsable da retirada dos niños.
O PP propoñía na súa moción, que foi rexeitada, que o Concello de Zas se adherise ao programa de vixilancia e control da velutina da Xunta e que asumise con fondos municipais a eliminación de niños e a adquisición de trampas. O goberno municipal votou en contra desta moción alegando que unirse a ese programa implica asumir a responsabilidade que lle corresponde á Xunta de Galicia, que, por outra banda, non está a dotar aos concellos colaboradores dos medios que precisan. “Nós estamos dispostos a colaborar coa Xunta de Galicia na loita contra a vespa velutina pero é competencia súa acabar con esta praga. Ademais consideramos que unha pértega e un traxe, que é o único que lle dan aos concellos colaboradores, non son os medios suficientes para retirar os niños e evitar a expansión desta especie, polo que non vemos vantaxe ningunha en adherirnos a este programa”, sinalou Manuel Muíño, alcalde de Zas.
O pleno tivo unha duración dunha hora, aproximadamente.