O grupo de teatro Ultreia trae o seu musical “Chicago” á IV Mostra Labarta Pose
05-04-2019
“Chicago” é un musical ambientado na época da lei seca norteamericana dos anos 20 na que se conta a historia de Roxie Hart, unha actriz aparentemente inocente que traizoa ao seu marido. A obra de teatro chegará mañá, sábado 6 de abril, ao Auditorio de Baio no marco da Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” organizada polo Concello de Zas e que sigue sumando éxitos nesta cuarta edición. O grupo de teatro “Ultreia” é o encargado de representar esta obra de teatro de 90 minutos de duración e que está dirixida a maiores de 12 anos.
Con esta van xa tres das cinco representacións que se farán durante esta mostra de teatro afeccionado que fai a Concellería de Cultura en colaboración co grupo Badius. Ademais de ser a edición á que máis traballos se presentaron (43 en total) está tendo moi boa resposta por parte da veciñanza.
Nesta edición o público ten un papel moi importante xa que ao final da representación puntúa a obra visionada que serán os que determinen o Premio do Público. En total repartiranse 3.500 euros que se distribuirán en premios de 900, 800, 700, 500 e 400 euros cada un que outorgará o xurado e 200 euros que será o premio do público. Para a entrega de premios haberá que agardar ata o 9 de xuño, día no que tamén terá lugar a clausura da XII Escola Municipal de Teatro Infantil nun acto que se celebrará no Auditorio de Baio a partir das 18:00 horas.
Novas relacionadas
- A IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” continúa cunha comedia musical
- A Agrupación Teatral Mariñán abre a IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”
- Relación definitiva de obras finalistas e reservas da IV Mostra de Teatro Afeccionado "Labarta Pose"
- Chega a IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” con cinco obras para todos os gustos
- Lista provisional e definitiva das obras admitidas na IV Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose
- A IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” bate marcas de participación con 43 obras presentadas
- Tramitados case 70 documentos na primeira visita do ano da unidade móbil do DNI
- O Concello de Zas pon en marcha a IV Mostra de Teatro Afeccionado con 3.500 euros en premios