O Concello de Zas pon en marcha a IV Mostra de Teatro Afeccionado con 3.500 euros en premios
30-01-2019
Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, organiza a Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” coa que pretende fomentar a cultura nas artes escénicas e, en particular, no eido afeccionado e na que poden participar todas as compañías/grupos de teatro afeccionado de Galicia. Unha vez publicadas as bases da mostra no BOP – Boletín Oficial da Provincia – queda aberto o prazo de inscrición que se prolongará até o 20 de febreiro.
Os participantes deberán enviar un vídeo en formato DVD/CD do espectáculo completo (lápis de memoria, ligazón web,…) ademais da documentación que se require en ditas bases. Poderán presentar tantas obras como o desexen das cales só unha poderá ser finalista que será seleccionada por un xurado composto por membros do Concello de Zas e do grupo de Teatro Badius. Os cinco espectáculos finalistas reprensentaranse os días 23 e 30 de marzo, 6, 13 e 27 de abril distribuídos entre o Auditorio de Baio e o de Zas. A entrega de premios terá lugar o domingo 9 de xuño.
Premios
Unha das principais novidades deste ano son os premios, xa que ademais de ampliarse a súa cuantía haberá unha nova distribución dos mesmos. En total, repartiranse 3.500 euros da seguinte forma:
- Premio á mellor obra elixida polo xurado: 900€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á segunda mellor obra elixida polo xurado: 800€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á terceira mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á cuarta mellor obra elixida polo xurado: 500€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á quinta mellor obra elixida polo xurado: 400€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á mellor obra elixida polo público: 200€, trofeo e diploma acreditativo
Os/as interesados/as en participar poden consultar as bases que atoparás ao final desta nova ou contactar coa organización no enderezo electrónico mostrateatrozas@gmail.com.