A Agrupación Teatral Mariñán abre a IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”
22-03-2019
A Agrupación Teatral Mariñán, de Betanzos, é a encargada de abrir mañá a IV edición da Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” organizada polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura. Farano coa representación da obra de teatro “Insania”; unha comedia “moi seria” de 65 minutos de duración e que está dirixida a maiores de 12 anos.
O Auditorio Municipal de Zas acollerá esta primeira representación que comeza ás 21:30 horas. A entrada, como sempre, é de balde.
Premio do público
Unha das novidades desta cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” é a cuantía dos premios – que ascende a 3.500 euros – así como o seu reparto no que o público terá un importante papel. Tras cada representación, os asistentes poderán valorar a obra a través dunhas papeletas. Coa suma de todas as votacións determinarase a mellor obra valorada polo público que recibirá un premio económico de 200 euros xunto cun trofeo e un diploma acreditativos.
Este ano presentáronse un total de 43 obras de teatro das cales o xurado tivo que escoller as cinco finalistas e que se representarán durante os meses de marzo e abril repartidas entre os auditorios de Zas e de Baio. A cifra de obras presentadas ao certame supera con amplitude á das pasadas edicións, un dato que para a Concellería de Cultura de Zas, encabezada por Manuel García Velo, se traduce na consolidación do certame.