A IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” bate marcas de participación con 43 obras presentadas
25-02-2019
A Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”, organizada polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura, chega nesta cuarta edición máis forte ca nunca. E unha proba diso son as 43 obras de teatro que se presentaron ao certame; un cifra que bate con amplitude a mellor marca de participación de todas as edicións.
Entre as obras da IV Mostra de Teatro Afeccionado hai propostas de 35 compañías diferentes chegadas dende Corcubión, Santa Comba, Noia, Muros, Arteixo, Santiago de Compostela, A Coruña, Fene, Ortigueira, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Vigo, Pontevedra, entre outros puntos da xeografía galega. A temática predominante é a comedia ainda que tamén se presentaron outros xéneros como o drama, musicais ou a intriga.
Selección das obras finalistas
Unha vez pechado o prazo de inscrición, chega o turno do xurado que será o encargado de seleccionar os cinco espectáculos finalistas que se representarán os días 23 e 30 de marzo e 6, 13 e 27 de abril distribuídas entre o auditorio de Baio e o de Zas. Desta difícil selección encargaranse membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius.
Entre as novidades desta cuarta edición, está a cuantía dos premios - que ascende a 3.500 euros – e a súa distribución. Así haberá cinco premios de 900, 800, 700, 500 e 400 euros cada un que outorgará o xurado e outro premio de 200€ para a mellor obra valorada polo público. Ademais do premio en metálico, os gañadores recibirán un trofeo conmemorativo e un diploma acreditativo.
“Este salto en canto ao número de participantes é un indicador de que o teatro afeccionado está máis vivo ca nunca e que polo tanto se merece unha mostra na que recoñeza a importante labor que fan os centos de grupos e compañías”, sinala Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura en Zas. A entrega de premios terá lugar o 9 de xuño coincidindo coa clausura da nutrida Escola de Teatro Afeccionado coa que conta o Concello de Zas.