Chega a IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” con cinco obras para todos os gustos
18-03-2019
A IV edición da Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” xa ten finalistas despois de que o xurado visionase as 43 obras de teatro que se presentaron para participar neste certame; unha cifra que bate a mellor marca de participación de todas as edicións. A mostra, organizada polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura, terá lugar os días 23 e 30 marzo e 6, 13 e 27 de abril cos Auditorios de Zas e de Baio como centros da mostra. As funcións comezarán ás 21:30 horas e a entrada é, como sempre, de balde.
Na IV Mostra de Teatro representaranse cinco obras de teatro afeccionado para todo tipo de públicos e gustos, xa que haberá musicais, dramas e incluso comedias moi serias.
O xurado desta cuarta edición do certame está formado por:
- Alberto López Villar, Membro do grupo de Teatro Badius
- Ricardo Vigueret Gil, Membro do grupo de Teatro Badius
- Pablo Soto Videla, Membro do grupo de Teatro Badius
- Fidel Otero Pazos, Técnico de Deportes do Concello de Zas
- Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura do Concello de Zas
Programa
A primeira representación é o próximo sábado, 23 de marzo, coa obra de teatro “Insania”, da Agrupación Teatral Mariñán de Betanzos. Esta é unha comedia “moi seria” para maiores de 12 anos que se representará no Auditorio de Zas.
Logo será a quenda de “Bolboretas: A Vinganza”, de Pinchacarneiro Teatro que traen dende Noia esta comedia musical. A representación é o 30 de marzo no Auditorio de Baio e está dirixida a maiores de 16 anos.
A mostra continúa durante o mes de abril. Así, o día 6, o Auditorio de Baio acolle a obra de teatro “Chicago”, do Grupo de Teatro Ultreia de Ortigueira. Este é un musical ao que poden asistir os maiores de 12 anos.
O día 13 de abril tocaralle subir ao escenario ao elenco de Sen Cancelas Teatro, de Santa Comba, que nos traerá ao Auditorio de Zas o seu drama “2010”. A obra é para maiores de 12 anos.
Gargallada Teatro, de O Barco de Valdeorras, será a compañía encargada de pechar esta IV Mostra de Teatro o día 27 de abril. Farao coa representación da comedia “O Xogo de Versalles” que terá lugar no Auditorio de Baio e á que poderán asistir os maiores de 8 anos.
Premios
A mostra repartirá 3.500 euros en premios que se repartirán en cinco premios de 900, 800, 700, 500 e 400 euros cada un que outorgará o xurado e outro premio de 200€ para a mellor obra valorada polo público. Ademais do premio en metálico, os gañadores recibirán un trofeo conmemorativo e un diploma acreditativo.
Para a entrega de premios haberá que agardar ata o 9 de xuño, día no que tamén terá lugar a clausura da XII Escola Municipal de Teatro Infantil nun acto que se celebrará no Auditorio de Baio a partir das 18:00 horas. Con esta mostra de teatro, o Concello de Zas demostra o seu compromiso coa cultura, especialmente no ámbito das artes escénicas, e por outra, pon en valor o teatro feito en Galicia e en galego.
Novas relacionadas
- Relación definitiva de obras finalistas e reservas da IV Mostra de Teatro Afeccionado "Labarta Pose"
- Lista provisional e definitiva das obras admitidas na IV Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose
- A IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” bate marcas de participación con 43 obras presentadas
- Tramitados case 70 documentos na primeira visita do ano da unidade móbil do DNI
- Últimos días para anotarse na IV Mostra de Teatro Afeccionado organizada polo Concello de Zas