O Trail-Andaina Nocturno Cova do Lobo celebra a súa II edición o próximo 10 de agosto
09-07-2019
Despois do éxito do ano pasado, xa está en marcha a II edición do Trail–Andaina Nocturno Cova do Lobo que se disputará o vindeiro 10 de agosto nos montes de Zas. Esta é un evento deportivo non competitivo con tres probas diferentes e abertas a toda a veciñanza: un trail, unha andaina e un pequetrail. “Dar a coñecer as nosas paisaxes e o noso patrimonio a través dun evento deportivo como este é un dos nosos obxectivos”, sinalou Manuel Muíño, Alcalde de Zas, durante a presentación do evento que tivo lugar esta mañá e na que estivo acompañado de David Fernández, da Asociación Deportiva Monte Brondo.
O trail nocturno constará de 15 quilómetros de percorrido por distintos sendeiros do municipio de Zas; dos cales o 95% é monte. A saída será ás 22:00 horas da praza do Concello de Zas e ademais de dúas zonas de avituallamento, durante o percorrido os participantes atoparanse con diferentes sorpresas. O custo de participación é de 12 euros para os que se anoten antes do 2 de agosto ás 23:59 horas e logo pasará a costar 14€. A proba está limitada a 250 participantes.
Na andaina nocturna, duns 10 quilómetros, poderán participar toda a veciñanza que o desexe e a inscrición ten un custe de 8 euros (ata o 2 de agosto ás 23:59 horas) e de 10 euros a partir dese día. A saída será ás 22:05 horas dende a praza do Concello de Zas. Na probra poderán participar un máximo de 300 persoas.
No caso do pequetrail haberá dúas categorías; Cachorros (de 5 a 10 anos) e Lobeznos (de 11 a 15 anos). A inscrición nesta proba é gratuíta e os corredores deberán entregar unha autorización firmada polos pais/titores. O percorrido é de 750 metros para os máis novos e2 quilómetros para os Lobeznos e as saídas serán ás 20:30 horas e 21:00 horas respectivamente.
Inscricións
Os/as interesados en participar poden anotarse a partir de mañá (10 de xullo) ás 22:00 horas a través da plataforma Galitiming no seguinte enderezo: http://trailnocturnozas.galitiming.com/.
Todos os participantes contarán con seguro de accidentes durante a proba. A inscripción dá dereito a participar na proba, seguros, avituallamentos, gardarroupa, duchas, obsequios e cea a base de paella para todos/as os/as participantes.