Zas prepárase para o III Trail da Filloa

10-01-2019

 

Despois da intensa programación de Nadal, volvemos a marcar unha nova cita no calendario cun evento deportivo. Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Zas e a Asociación Deportiva Monte Brondo organizan o Trail da Filloa que se disputará o vindeiro 10 de febreiro e que discorrerá na súa maior parte por pistas e camiños non asfaltados do noso municipio dende as cales os participantes poderán desfrutar das nosas paisaxes e da contorna.

O evento, que é de carácter non competitivo, consta de tres probas diferentes abertas a toda a veciñanza: un trail curto de 17 quilómetros de percorrido e cun desnivel aproximado de 700 metros;  un trail longo de 28 quilómetros e de, aproximadamente, 1450 metros de desnivel e unha andaina de 10 quilómetros. Todas as probas disputaránse ao longo da mañá e tanto o punto de saída como o de chegada estará ubicado na praza do Concello de Zas.

Inscricións

Os/as interesados en participar, poden formalizar xa a súa inscrición a través da plataforma Galitiming (http://bit.ly/InscripciónsTrailFilloa2019) e aproveitarse así dos descontos para os primeiros anotados. O custe é de 15€ para o trail longo, 12€ para o curto e 8€ para andaina. A partir do 1 de febreiro, o prezo das probas pasará a ser 18€, 15€ e 10€ respectivamente. O número de prazas por cada unha das probas está limitado e o prazo de inscrición remata o 6 de febreiro.

Haberá tres categorías (absoluta, sénior e veteranos) e os participantes teñen que ter cumpridos os 16 anos para participar no trail curto e 18 anos para o longo. Na seguinte ligazón pódese consultar o reglamento do III Trail da Filloa ( http://bit.ly/ReglamentoTrailFilloa2019). 

Todos os participantes contarán con seguro de accidentes durante a proba. A inscripción dá dereito a participar na proba, seguros, avituallamentos, gardarroupa, duchas, obsequios, servizo de gardería e degustación dun dos pratoa típicos de Zas: as filloas.

Compartir: