Máis de 700 persoas participan no III Trail da Filloa que se disputa este domingo en Zas
08-02-2019
Este domingo Zas volcarase co III Trail da Filloa organizado polo Concello e a Asociación Deportiva Monte Brondo e no que participarán un total de 707 persoas. Ademais de bater as marcas de participación, esta terceira edición incorpora importantes novidades co fin de promover o deporte sostible orientado a desfrutar do noso medio natural de forma responsable e respectuosa. Un dos cambios máis importantes é a substitución das cintas de plástico coas que se marcan o percorrido por bandeiras de tela reutilizables noutros eventos. Outra das novidades deste ano é o reemprazamento dos vasos de plástico de un só uso por outros plegables e reutilizables evitando así o desperdicio de máis de 2.500 envases que se utilizaron o ano pasado. A organización entregaralle aos participantes cadanseu vaso co fin de que empreguen o mesmo envase nas distintas zonas de avituallamento. Ademais, na praza do Concello de Zas (punto de saída e de chegada) instalaranse colectores específicos para os envases plásticos co fin de que posteriormente os residuos entren nos correspondentes procesos de reciclaxe.
Horarios
En canto ao aspecto deportivo, ao longo da mañá disputaranse tres probas diferentes. A primeira proba en comezar será o Trail Longo, de 28 quilómetros de percorrido, que arranca ás 09:15 horas. A seguinte será o Trail Curto, 17 quilómetros, que comeza ás 10:00 horas. E quince minutos despois, ás 10:15 horas, será o turno dos participantes na Andaina Popular que camiñarán 10 quilómetros ou 11 quilómetros dependendo de se os participantes escollen ou non a opción de subir ata o Monte Brondo e desfrutar dende alí dunhas espectaculares paisaxes. Tanto a saída como a meta das tres probas, está ubicada nas inmediacións da Casa do Concello de Zas.
En tan só tres anos, este evento deportivo é xa un referente na comarca e unha proba diso é o número de participantes desta terceira edición. Son un total de 707 persoas as que participarán nalgunha das tres probas non competitivas. A proba con maior número de participantes é o Trail Curto no que están inscritos 319 participantes. Séguelle a Andaina Popular con 300 anotados e o Trail Longo no que participarán 88 persoas. Algo máis do 10% dos participantes son veciños e veciñas empadroadas no Concello de Zas mentras que os restantes proceden de distintos puntos da comarca e incluso de fora de Galicia. Está prevista a participación de grupos chegados dende Asturias, León, Madrid e incluso de Maiorca que aproveitarán a viaxe para pasar uns días pola zona.
Ao igual que nos anos anteriores, os participantes descubrirán moitos dos recunchos naturais que agocha o Concello de Zas. Así, ao longo dos percorridos haberá moitas sorpresas, tales como atravesar ríos, zonas de lama, un “Aquaplanning” ou descubrir os frondosos carballos que agochan o Salto de Pose, na Rilleira do Candal, onde antigamente houbo unha hidroeléctrica. Outra das sensacións que vivirán os participantes serán o contacto coa natureza e as impresionantes vistas que desfrutarán ao longo de moitos dos tramos dos percorridos.
Avituallamento con filloas
Ao longo do percorridos haberá varias zonas de avituallamento nas que os participantes poderán recuperar as forzas necesarias para chegar a meta a base de filloas e doutros petiscos. Durante toda a mañá, un completo equipo estará no pavillón municipal de Zas preparando ducias de filloas recén feitas que se servirán acompañadas de caldo de grelos. O evento rematará coa entrega de premios.