O CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña acolle ata o 18 de febreiro a exposición itinerante sobre Enrique Labarta Pose

08-02-2022

Dende hoxe e ata o vindeiro 18 de febreiro uns 800 alumnos e alumnas do CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña visitarán a exposición itinerante sobre a vida e obra do escritor Enrique Labarta Pose que quedou instalada esta mañá na biblioteca Agustín Fernández Paz do propio centro educativo.

Baixo a atenta mirada dunha pequena parte do alumnado, o Alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño Espasandín; o director pedagóxico do centro, Raúl Díaz Carballeira; e os padriños da exposición, Ana Belén Souto Brenlla e Xulián Barros Reimúndez; inauguraron a mostra que está composta por oito paneis informativos sobre o escritor baiés. 

O Concello de Zas, en colaboración coa Deputación da Coruña, puxo en marcha esta iniciativa co fin sumar novas actividades ás xa realizadas dende hai máis de vinte anos para reivindicar a concesión do Día das Letras Galegas ó escritor baiés e que foron impulsadas na súa gran maioría pola Comisión Labarta Pose. Así que coincidindo co 158 aniversario do seu nacemento, fíxose unha inauguración da mostra que estivo exposta durante máis dun mes no paseo fluvial da vila natal do autor e dende aquí viaxou ata os tres centros educativos do Concello de Zas. Esta é a primeira vez que a mostra sae do Concello de Zas e tal e como dixo o Alcalde de Zas durante a presentación desta mañá “é un orgullo para nós que persoas de fóra do noso municipio se interesen por un dos nosos persoeiros e por unha das figuras literarias máis relevantes da Costa da Morte”.

Muíño non tivo máis que palabras de agradecemento para o profesorado do centro educativo coruñés xa que ademais de acoller a exposición teñen preparadas varias actividades ao redor de Labarta Pose. Todos os alumnos e alumnas que visiten a mostra, guiados polos seus profesores, farán un cuestionario específico elaborado por Ricardo Vigeret Gil, docente do IES Maximino Romero de Lema, un autodefinido realizado por Carlos Medrano - xerador de contidos de Aulas Galegas - e recitarán o poema “Non fales o Gallego”. Precisamente neste centro educativo coruñés exerce de mestre o filólogo Xosé Manuel Varela Varela, unha das persoas que mellor coñecen a Labarta despois de realizar a súa tese doutoral sobre o escritor baiés.

Os padriños da exposición son dúas persoas vencelladas ao Concello de Zas. Xulián Barros Reimúndez, bibliotecario do centro, é de familia orixinaria de Baio mentras que Ana Belén Souto Brenlla, docente de Primaria, é natural de San Adrián de Castro. 

 

Novas relacionadas

Compartir: