O Concello de Zas leva a mostra de Labarta Pose aos centros educativos

05-11-2021

 

Despois do seu paso polo Paseo Fluvial de Baio, hoxe chegou ao colexio de educación primaria da vila a exposición sobre a figura de Labarta Pose, promovida polo Concello de Zas. 

O Alcalde, Manuel Muíño; a Concelleira de Educación, Pilar García; e a Directora do centro, Sinda Cundíns participaron no acto de inauguración ante a atenta mirada do alumnado. Muíño fixo un breve percorrido pola exposición que está composta por seis paneis con fotografías históricas e con textos explicativos sobre a vida e obra do escritor baiés. Durante o acto, o rexedor aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración do equipo directivo e convidou aos máis pequenos a que desfruten coñecendo ao autor baiés. E así será porque segundo explicou a directora do centro, nos próximos días todo o alumnado do CEIP Labarta Pose visitará a exposición e traballarán sobre ela.

Nos vindeiros meses a mostra de Labarta Pose continuará viaxando polos centros educativos do municipio co fin de divulgar a figura e o traballo dun dos persoeiros máis ilustres do noso municipio. As seguintes paradas son o IES Maximino Romero de Lema e logo irá para o CPI de Zas. “Unha vez que a mostra acabe o percorrido polos centros educativos continuará a súa viaxe por outros colexios que xa a solicitaron”, explicou Manuel Muíño durante a presentación.

 

Letras Galegas

Esta é outra das actividades que o Concello de Zas está levando a cabo co fin de dar a coñecer a vida e obra de Enrique Labarta Pose e para reivindicar, xunto co traballo da Comisión Labarta Pose, a concesión do Día das Letras Galegas ao escritor baiés. 

Novas relacionadas

Compartir: