Baio recorda a Enrique Labarta Pose cunha exposición ao aire libre
25-07-2021
Coincidindo co 158 aniversario do seu nacemento, onte pola mañá inaugurouse no Paseo Fluvial de Baio unha exposición ao aire libre sobre a figura de Enrique Labarta Pose coa que o Concello de Zas pretende achegar a súa vida e obra a toda a veciñanza.
Tal e como explicou Jorge Mira, representante da Comisión Labarta, esta mostra súmase á lista de actividades realizadas dende hai máis de vinte anos para reivindicar a concesión do Día das Letras Galegas ó escritor baiés. “Labarta Pose é o gran candidato da Costa da Morte ás Letras Galegas”, sinalou Mira. Foron moitas as actividades que se realizaron ao redor da súa figura impulsadas, na súa maioría, pola Comisión Labarta Pose que está integrada por varias asociacións da vila.
Para Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña, esta é unha reivindicación á que debe de sumarse toda a Costa da Morte por ser Labarta Pose unha das figuras literarias máis relevantes da zona. “Oxalá que algún día se faga xustiza e teña por fin o seu día das Letras Galegas”, sinalou Regueira durante a súa intervención no acto de inauguración. Ademáis, aproveitou a ocasión para darlle os parabéns ao Concello de Zas por tomar a iniciativa de realizar esta mostra con carácter itinerante e tamén felicitou ao movemento asociativo de Baio por non deixar no esquecemento a súa historia.
Pola súa banda, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, quixo agradecer a colaboración de todas as persoas que dunha forma ou doutra fixeron posible esta mostra que estará instalada no Paseo Fluvial de Baio ata o vindeiro 31 de agosto. “Dende o noso equipo de goberno municipal entendemos que a cultura debe estar ao alcance de todas e todos polo que decidimos ubicar aquí esta mostra para que toda a veciñanza teña acceso a ela”, sinalou Muíño. Ao acto de inauguración, que estivo pasado por auga, asistiron unha boa parte dos/as representantes do tecido asociativo do Concello de Zas ademáis doutras persoas que colaboraron coa realización desta mostra.
Está previsto que o Concello de Zas realice nas vindeiras semanas máis actividades relacionadas con Enrique Labarta Pose.
A mostra está composta por seis paneis con fotografías históricas e con textos explicativos sobre a vida e obra do escritor baiés. Para a súa realización contouse coa colaboración de moitas persoas e institucións relacionadas dalgunha forma con Labarta Pose. Entre elas están:
- Jorge Lens (autor da tese de doutoramento “Los orígenes de la fotografía publicitaria en Galicia: Análisis de muestras y catalogación documental”
- Milagros Bara (xornalista no Diario de Pontevedra)
- Sinda Cundíns (directora do CEIP Labarta Pose de Baio)
- Marisa Roel (unha das primeiras mestras do CEIP Labarta Pose)
- Museo Provincial de Pontevedra
- Biblioteca Provincial de Pontevedra
- Arquivo Provincial de Pontevedra
- Galiciana-Biblioteca de Galicia
- Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra
- Arzebispado de Santiago de Compostela.
- Familia Casa Ovidio de Baio
- Alberto Villar
- Carlos Castelao (autor de “Los orígenes de la fotografía en Galicia”
- Jorge Mira Pérez
Precisamente foi Jorge Mira o encargado de pechar o acto de inauguración da mostra guiando un percorrido polos diferentes paneis que a compoñen.