O Concello de Zas recibe diversos documentos orixinais de Enrique Labarta Pose para a súa difusión, exposición e estudo
29-08-2021
Nas próximas semanas o Concello de Zas expoñerá de forma permanente diverso material orixinal de Enrique Labarta Pose. Este foi o compromiso que adquiriu o Concello de Zas unha vez que esta mañá se asinase o convenio de cesión de dita documentación que conservaban Teresa e Olga Rojo Valiña despois de que o seu irmán, “Pepe de Valiña”, herdase o legado do escritor baiés.
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, agradeceu a cesión que veñen de facer as irmáns Rojo Valiña así como o seu esforzo por conservar esta documentación de gran importancia histórica. O rexedor lembrou a Pepe de Valiña, herdeiro do legado, e á súa “teima” por gardar e darlle valor a todo o relacionado sobre Labarta Pose e pola súa entrega ao pobo de Baio.
Coa firma deste convenio, o Concello de Zas adquire o compromiso de expoñer nun lugar público toda a documentación cedida co fin de difundir a memoria e protexer o legado de Enrique Labarta Pose. A partir das próximas semanas todo o material estará exposto no Centro Sociocultural de Baio.
A cesión inclúe varios libros orixinais de Labarta Pose, tales como “Última novedad”, “Bálsamo de Fierabrás”, “Adormideras”, entre outros; revistas (Galicia Humorística, Pasatiempos, Galicia Moderna,…); mecanoscritos; diversos documentos tales como un poster de Enrique Labarta Pose incluíndo o seu poema “Libertad”, varias tarxetas postais de Jabier Pintos ao escritor baiés, artigos xornalísticos,…; e manuscritos.
Teresa Rojo quixo agradecer a disposición do Concello de Zas polo seu interés polo legado de Labarta Pose e por “cumprir o seu desexo que expresa no poema Levádeme pra miña aldea”.
En canto á documentación cedida, Chema Lema - un dos filólogos que forma parte da Comisión Labarta Pose e que se encargou da catalogación do legado - destacou a importancia que ten para a vila de Baio que se faga público este material “non só porque entre el se atopen as primeiras edicións dalgunhas das obras de Labarta senon porque son as primeiras edicións que o propio autor gardou para sí durante toda a súa vida e que foi pasado aos seus fillos e netos”.
Día das Letras Galegas
Este compromiso forma parte dunha serie de actividades que o Concello de Zas está levando a cabo co fin de dar a coñecer a vida e obra de Enrique Labarta Pose e, xunto co traballo da Comisión Labarta Pose, reivindicar a concesión do Día das Letras Galegas ao escritor baiés.
Precisamente se encargou de pechar o acto o portavoz de dita comisión, Jorge Mira Pérez. “Labarta tivo unha vida moi itinerante, sobre todo nos seus últimos anos de vida. Como todo baiés tiraba moito para aquí así que estaría moi contento de ver como o seu legado está na súa vila”. Jorge Mira tamén recoñeceu o papel de Pepe Valiña, herdeiro do legado, e “que foi un axente axitador único en Baio” así como o traballo das súas irmáns Olga e Teresa.
Por outra parte, continúa exposta ata o vindeiro martes, día 31 de agosto, no paseo fluvial de Baio a exposición ao aire libre sobre a figura de Enrique Labarta Pose coa que o Concello de Zas quere achegar a vida e obra do escritor a toda a veciñanza. Dende a súa inauguración, que tivo lugar o pasado 24 de xullo, moitos veciños e veciñas da vila e da contorna achegáronse ata o lugar para visitar a mostra composta por seis paneis con fotografías históricas e textos explicativos sobre os seus traballos.