O Concello de Zas reparte unhas 400 máscaras na feira de Baio

21-06-2020

 

Co obxectivo de revitalizar o tecido comercial e hostaleiro así como as feiras do municipio, o Concello de Zas repartiu esta mañá unhas 400 máscaras entre as persoas que acudiron á tradicional feira de Baio. Esta acción, impulsada polo Goberno Municipal, reforza as medidas de prevención contra o Covid19 nos mercados ao aire libre. Ademais, membros de Protección Civil controlaron o cumprimento das novas condicións de seguridade tanto por parte dos vendedores como dos compradores entre as cales están a limitación do aforo, a distancia entre postos e a distancia interpersoal.

As máscaras entregadas son de tipo cirúrxico de triple capa e con certificado CE e repartíronse entre aqueles asistentes que presentaban un ticket de calquera compra realizada esta mañá tanto nalgún local comercial da vila como nos propios postos da feira. Na feira de hoxe participaron unha variedade de postos ambulantes entre os que había tendas de roupa e de froitas e verduras frescas.

A raíz da crise sanitaria provocada polo Coronavirus Covid-19, o Goberno Municipal de Zas - encabezado por Manuel Muíño - impulsouse un Plan de Revitalización da Economía Local con diferentes liñas de traballo encamiñadas a apoiar a economía local e o comercio de proximidade. Dentro deste plan, inclúese a revitalización das nosas feiras e unha primeira liña de axudas a autónomos/as dotada con 150.000 euros que se aprobará a vindeira semana. 

 

Novas relacionadas

Compartir: