O Concello de Zas dará unha axuda de 1000€ aos autónomos/as afectados/as pola crise do COVID-19

11-05-2020

 

Dende as últimas semanas, o equipo de goberno do Concello de Zas - encabezado por Manuel Muíño Espasandín - traballa na elaboración dun Plan de Revitalización da Economía Local co fin de axudar a aquelas persoas máis afectadas pola crise provocada polo Covid-19.

Dentro deste plan, vense de aprobar unha primeira liña de axudas a través da cal o Concello de Zas outorgará de forma directa unha axuda de 1.000 euros a aqueles autónomos/as que se viron obrigados/as a pechar e cesar na súa actividade tras a declaración do estado de alarma ou que tendo que obrigatoriamente estar abertos, tiveran unha caída dos seus ingresos superior ao 75%. O total desta primeira liña de axudas ascende inicialmente a 150.000 euros. “O noso obxectivo é contribuir a soster a continuidade do noso tecido empresarial nun contexto de emerxencia socio-económica provocado polo Covid-19 como o que estamos vivindo”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. 

Para poñer en marcha este primeiro paquete de axudas, o Concello de Zas reivindica unha vez máis que o Goberno do Estado autorice aos municipios a dispoñer dunha parte do remantente de tesourería - que no noso caso supera os tres millóns de euros - ou ben do superávit do exercicio 2019 que neste concello foi de máis de 800.000 euros. “En calquera caso, se ningunha destas opcións se autorizan habilitaríase unha partida específica nos orzamentos municipais”, indica o rexedor. 

As bases que regularán estas axudas para autónomos/as publicaranse no boletín Oficial da Provincia e que daránse a coñecer asimismo, a través das diversas canles oficiais do Concello de Zas (sede electrónica do Concello de Zas e tablón de anuncios) e tamén das redes sociais municipais). 

Dentro do Plan de Revitalización da Economía Local artellado polo Concello de Zas contémplanse outras medidas que se concretarán nos próximos días e entre as que se contempla un Plan de Emprego Local e a licitación dun paquete de obras públicas. 

Compartir: