Últimos días para anotarse na IV Mostra de Teatro Afeccionado organizada polo Concello de Zas
15-02-2019
O vindeiro mércores, 20 de febreiro, remata o prazo de inscrición na IV Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” organizada polo Concello de Zas. No certame poderán participar todos os grupos ou compañías de teatro da comunidade. Para participar é necesario anotarse presentando a documentación pertinente así como os anexos que acompañan ás Bases debidamente cumprimentadas.
O xurado, composto por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius, seleccionará os cinco espectáculos finalistas que serán os que se representen os días 23 e 30 de marzo e6, 13 e 27 de abril distribuídas entre o auditorio do pavillón de Baio e o auditorio da Casa do Concello de Zas. A entrega de premios terá lugar o domingo 9 de xuño.
Unha das novidades desta cuarta edición da mostra de teatro son o incremento da cuantía dos premios xa que o Concello de Zas destina 3.500€ que se repartirán da seguinte forma:
- Premio á mellor obra elixida polo xurado: 900€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á segunda mellor obra elixida polo xurado: 800€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á terceira mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á cuarta mellor obra elixida polo xurado: 500€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á quinta mellor obra elixida polo xurado: 400€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á mellor obra elixida polo público: 200€, trofeo e diploma acreditativo
Con esta mostra de teatro afeccionado, o Concello de Zas pretende, por unha parte, fomentar a cultura especialmente no eido das artes escénicas e, por outra, favorecer o teatro feito en Galicia e en galego. As bases pódense consultar na páxina web municipal a través do seguinte enlace: http://concellodezas.org/media/documentos/Bases_IV_Mostra_teatro_afeccionado_labarta_pose_Concello_Zas.pdf