Continúa aberto o prazo de inscrición para o III Trail da Filloa de Zas que se celebra o 10 de febreiro

30-01-2019

 

Case 400 persoas confirmaron xa a súa participación no III Trail da Filloa organizado polo Concello de Zas e a Asociación Deportiva Monte Brondo. O evento, que é de carácter non competitivo e que terá lugar o próximo 10 de febreiro, consta de tres probas diferentes abertas a toda a veciñanza: un trail curto de 17 quilómetros de percorrido e cun desnivel aproximado de 700 metros;  un trail longo de 28 quilómetros e de, aproximadamente, 1450 metros de desnivel e unha andaina de 10 quilómetros. A praza do Concello de Zas será tanto o punto de saída como de chegada para as tres probas que descorrerán principalmente por pistas e camiños non asfaltados do municipio. No caso do trail longo, os participantes subirán ata o Pico de Meda, un dos puntos nos que as postas de sol se están facendo cada vez máis populares.

Os/as interesados en participar teñen ata o día 6 para formalizar a súa inscrición a través da plataforma Galitiming (http://bit.ly/InscripciónsTrailFilloa2019). A cota de participación é de de 15€ para o trail longo, 12€ para o curto e 8€ para andaina e a partir do 1 de febreiro, o prezo das probas pasará a ser 18€, 15€ e 10€ respectivamente.

 Haberá tres categorías (absoluta, sénior e veteranos) e os participantes teñen que ter cumpridos os 16 anos para participar no trail curto e 18 anos para o longo. Na seguinte ligazón pódese consultar o reglamento do III Trail da Filloa ( http://bit.ly/ReglamentoTrailFilloa2019). 

Todos os participantes contarán con seguro de accidentes durante a proba. A inscripción dá dereito a participar na proba, seguros, avituallamentos, gardarroupa, duchas, obsequios, servizo de gardería e degustación de filloas.

Novas relacionadas

Compartir: