O goberno municipal de Zas insta ao Sergas a que garanta un servizo de pediatría de calidade

23-11-2018

 

A falta de pediatras que está a sufrir nestes momentos toda Galiza pon en risco este servizo para os máis de 300 nenos e nenas do Concello de Zas ante as próximas vacacións do facultativo que presta asistencia actualmente nos Centros de Saúde de Zas e de Baio. Ao longo destes días, o goberno municipal de Zas está a recibir numerosas queixas pola posibilidade de quedar sen pediatra durante a primeira quincena do mes de decembro. Ante o temor do Goberno Municipal e das familias, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, insta á Xunta de Galicia a que esta situación non se dea e que se tomen as medidas necesarias para evitala. “É responsabilidade do Sergas dar unha solución para que os nosos nenos e nenas teñan a atención sanitaria que lles corresponde sen ter que desprazarse a outros puntos da comarca ou incluso fóra dela”, sinala Muíño.

A esta posible situación súmase a redución de horas no servizo de pediatría que sofren o Concello de Zas dende o pasado mes de xuño. Actualmente o facultativo presta atención sanitaria en días alternos nos Centros de Saúde de Zas e de Baio entre as 12:00 e as 15:00 horas cando anteriormente o facía de 08:00 a 15:00 horas. Dende ese momento, o goberno municipal de Zas apoiou as diferentes medidas reivindicativas levadas a cabo polas familias co fin de recuperar un servizo de pediatría de calidade.

Novas relacionadas

Compartir: