O Concello de Zas e as familias afectadas pola redución de horas no servizo de pediatría poñen en marcha unha campaña de recollida de firmas

16-06-2018

O Concello de Zas, xunto cos pais e nais usuarios do servizo de pediatría, veñen de poñer en marcha unha campaña de recollida de firmas co propósito de recuperar as 35 horas semanais de atención pediátrica que se repartirán entre os centros de saúde de Zas e de Baio. “Para o goberno do BNG de Zas a atención sanitaria pública é unha prioridade polo que nos sumamos á indignación das familias afectadas e iniciamos xunto con elas unha serie de accións para non perder os nosos dereitos”, sinalou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, na reunión que mantivo onte cos pais e nais afectados pola redución de horas no servizo de pediatría.

 A campaña de recollida de firmas está aberta a toda a veciñanza que poderá sumarse á petición estampando a súa rúbrica nas follas que pode atopar na Casa do Concello de Zas.

Ademais na reunión de onte, o Alcalde de Zas comprometeuse solicitar unha entrevista co Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia – Jesús Vázquez Almuiña – á que asistiría cun grupo de representantes das familias afectadas co fin de expoñerlle ao responsable na materia as deficiencias sanitarias que sofre a veciñanza de Zas.

O Alcalde de Zas agarda obter unha resposta o antes posible para garantir que todos os nenos e nenas do municipio reciban a atención médica que necesitan. 

De 35 a 15 horas semanais

Dende principios do mes de xuño, o especialista en pediatría presta asistencia en días alternos nos centros de saúde de Zas e Baio entre as 12:00 e as 15:00 horas cando até o de agora o facía de 08:00 a 15:00 horas. Esta reducción de horas obriga ás familias a recorrer aos servizos de urxencias para solucionar calquera de atención primaria.

Novas relacionadas

Compartir: