O goberno municipal de Zas apoia a xusta demanda das familias dun servizo de pediatría de calidade

O alcalde vai solicitar unha reunión coa directora de Procesos Asistencias do Sergas ante as reiteradas queixas dos/as usuarios/as pola cancelación de citas

12-01-2018

O goberno municipal de Zas súmase á xusta reivindicación das familias dun servizo de pediatría que garanta unha asistencia de calidade para os seus fillos e fillas. Ante as reiteradas queixas cidadás pola cancelación de citas sen previo aviso, o alcalde vai solicitar unha reunión coa directora de Procesos Asistenciais do Sergas co obxectivo de trasladarlle o malestar dos/as usuarios/as e do propio Concello e Zas e de reclamar unha solución á precariedade actual. Manuel Muíño esixirá que por parte da Xunta, que é a administración competente en materia sanitaria, se adopten as medidas precisas para que os nenos e as nenas do noso concello reciban a atención médica que precisan e merecen.

A falta de pediatras é un problema estrutural que afecta a toda Galiza, mais as consecuencias non son as mesmas en todo o territorio, como se está a demostrar. No noso concello contamos cun especialista en pediatría que presta asistencia en días alternos nos centros de saúde de Zas e Baio, pero as familias usuarias do servizo denuncian que en repetidas ocasións, malia ter solicitado cita previa, atópanse con que o persoal sanitario non está no centro que lle corresponde, co cal as citas cancélanse sen previo aviso e pais e nais vense obrigados/as a recorrer ao servizo de urxencias para solucionar calquera problema propio da atención primaria.

O goberno municipal de Zas, que vén de recibir numerosas queixas por esta situación,
comparte o malestar das familias e reclamará que por parte do Sergas se adopten as
medidas precisas para evitar que se siga producindo.

Compartir: