Avanzan a moi bo ritmo as obras da praza de Baio nas que o Concello de Zas inviste máis de 314.000 euros
03-09-2021
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, visitou onte á tarde as obras de construcción da nova praza de Baio; unha vella demanda veciñal na que o Concello de Zas inviste un total de 314.988,72€. Os traballos, executados pola empresa Lires Cons, avanzan a moi bo ritmo e actualmente atópanse na fase inicial do movemento de terras.
Un dos obxectivos principais desta nova urbanización é dotar á vila dunha zona para a celebración de eventos tales como a feira mensual de Baio, feiras sectorais, festas e outras citas similares. As obras estanse a realizar ao carón do paseo fluvial; unha zona privilexiada do núcleo urbano da vila e que afecta concretamente á área urbanizable situada no sector R-B1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal - PXOM - do Concello de Zas.
O “novo campo da feira de Baio” ocupará un total de 5.181 m² nos que se construirán unha extensa praza, unha zona de aparcamentos debidamente sinalizados e unha vía que comunica as rúas Herbais da Ponte e Bispo Romero de Lema.