Aprobado o proxecto de urbanización da futura praza de Baio que terá un orzamento de máis de 384.000 euros
13-09-2019
O Pleno da Corporación Municipal reuniuse esta mañá para abordar 13 puntos da orde do día e dúas mocións de urxencia. Unha destas mocións urxentes foi o proxecto de urbanización da futura praza de Baio así como dos viais e das zonas de aparcamento da área urbanizable no sector R-B1 de Baio, situada na zona do paseo fluvial.
“Este proxecto chega a consecuencia da ocupación directa dunha parte dos terreos dotacionais desta área urbanizable que actualmente atópase en fase de exposición”, puntualizou o Alcalde de Zas. Terán que pasar varios meses para que o proxecto se faga realidade debido ás distintas fases administrativas polo que, segundo sinalou o Alcalde de Zas -Manuel Muíño -, as obras non comezarán ata o próximo ano.
O orzamento acada os 384.236,20 euros; dos cales algo máis do 75% (283.139,09€) serán financiados pola Deputación da Coruña e os restantes 101.097,11€ asumiraos o Concello de Zas. A proposta presentada neste punto polo Goberno do BNG aprobouse por unanimidade.
E outra das mocións urxentes que se trataron hoxe foi a situación do servizo de pediatría que afecta ao Concello de Zas. Varios representantes da plataforma “Zas Sen Recortes en Pediatría” asistiron á sesión de hoxe despois de que o pasado 2 de setembro presentaran un escrito solicitando a celebración dun pleno extraordinario urxente e o apoio de toda a corporación municipal a un acordo que se detallou no pleno. Antes da aprobación do acordo, o Alcalde de Zas – Manuel Muíño – aclarou que a moción incluíuse como urxente dentro do pleno ordinario convocado para hoxe. No acordo, consensuado por todos os integrantes da Corporación Municipal, establecéronse os seguintes puntos:
- Solicitar ao Sergas – Servizo Galego de Saúde – que restableza o horario do servizo de pediatría nos dous centros de saúde do Concello de Zas e que se retomen as 35 horas de servizo semanais.
- Que o Sergas cubra todas as baixas/ausencias do facultativo.
- Enviar a todos os concellos da Costa da Morte unha moción de apoio ao servoz de pediatría de Zas.
Plan económico financeiro
Por outra banda, na sesión plenaria desta mañá abordáronse varias cuestións de carácter económico tales como a conta xeral do 2018, o período medio de pago a provedores do 1º e 2º trimestre do 2019 así como o informe do plan económico financeiro para o 2019-2020 polo incumprimento da regra de gasto en algo máis de 65.000 euros durante o exercicio 2018 destinados a gastos correntes. “É difícil de entender que non poidamos facer máis investimentos malia a ser un concello cunha das mellores situacións económicas; xa que contamos con máis de cinco millóns de euros nas contas bancarias - que non podemos gastar - e un orzamento superior aos catro millóns de euros”, puntualizou Manuel Muíño. Para o Alcalde de Zas está totalmente inxustificado o feito de que as administracións locais non podan incrementar o investimento tendo un remanente como o que ten o Concello de Zas. “Temos que facer un plan económico financeiro porque gastamos 65.000 euros máis do que nos deixa o Goberno central. Estas son leis que nos obriga a cumprir o Estado español; unha lei feita polo anterior Ministro de Facenda e que o PSOE non cambiou”, reiterou o rexedor.
Tanto o plan económico financeiro para o 2019-2020 proposto polo goberno do BNG como o resto dos asuntos económicos abordados saíron adiante co apoio de todos os membros da corporación municipal.
Festivos locais
Na orde do día de hoxe tamén figuraban os festivos locais para o 2020. A proposta presentada polo equipo de goberno do BNG e que saiu adiante foi declarar como festivos locais para o próximo ano o 10 de xullo - coincidindo coa festividade de San Cristovo - e o 16 de xullo - día do Carmen -.
A proposta variouse con respecto aos últimos anos xa que o 26 de xullo, día da Santa Margarida de Muíño, coincide no 2020 en domingo e a festividade de San Roque do Monte, outro dos días elixidos, celébrase dende hai anos o cuarto sábado do mes de agosto. En consecuencia, elixiuse o 10 de xullo como día non laborable.
Declaración emerxencia climática
Outra das mocións presentadas polo equipo de goberno do BNG e que se aprobou esta mañá foi a adhesión á declaración de emerxencia climática co fin de loitar contra a contaminación e o cambio climático así como o apoio á mobilización mundial convocada para o vindeiro 27 de setembro.
Os rogos e preguntas pecharon a sesión plenaria ordinaria do mes de setembro que tivo unha hora escasa de duración.