Aprobado o levantamento dos terreos nos que se construirá a nova praza de Baio

04-06-2020

 

A Corporación Municipal de Zas aprobou no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá o levantamento dos terreos nos que se construirá a nova praza dentro do casco urbano de Baio e que estará situada na zona do paseo fluvial da vila. En concreto trátase da área urbanizable situada no sector R-B1 do PXOM - Plan Xeral de Ordenación Municipal - do Concello de Zas.  

En total ocuparanse 5.181 m², distribuidos nunhas 30 fincas, nos que se construirá unha praza, unha zona de aparcamentos e unha vía que comunique as rúas Herbais da Ponte e Bispo Romero de Lema. O levantamento dos terreos é o penúltimo paso deste proxecto que terá un orzamento de máis de 384.000 euros; dos cales algo máis do 75% (283.139,09€) serán financiados pola Deputación da Coruña e os restantes 101.097,11 asumiraos o Concello de Zas.

“Este é un proxecto moi demandado pola veciñanza pero tamén moi complexo polo que foi complicado chegar ata aquí e que agora se atopou coa suspensión dos prazos ocasionado pola crise sanitaria do coronavirus Covid-19”, sinala Manuel Muíño Espasandín; Alcalde de Zas. 

Novas relacionadas

Compartir: