Aprobada a ocupación dos terreos nos que se construirá a nova praza de Baio

05-04-2019

O Goberno Municipal de Zas vén de aprobar no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá - e de escasos quince minutos de duración - o proxecto que permitirá iniciar a construción dunha nova praza no casco urbano de Baio.

Cos votos a favor do BNG, o equipo de goberno aprobou o proxecto de ocupación directa de parte dos terreos dotacionais do sector R-B1 de Baio (situado na zona do paseo fluvial da vila), que afecta a 18 fincas e que suman un total de 5.181 metros². Tras a exposición pública do proxecto durante un mes, estes terreos situados no casco urbano de Baio pasarán a ser chan dotacional público nos que se construirá unha praza, unha zona de aparcamentos e unha vía que comunique as rúas Herbais da Ponte e Bispo Romero de Lema.

“É un proxecto complexo polo que chegar ata aquí foi un proceso moi longo e con moitas vicisitudes” sinalou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. En decembro de 2017, o Concello de Zas xa se puxo en contacto cos veciños e veciñas afectados; momento a partir do cal se iniciaron os trámites administrativos pertinentes para a elaboración do proxecto. Segundo sinalou Muíño, a posta en marcha deste plan supón sacar adiante unha das obras máis importantes xa non só dos 12 anos do goberno do BNG, se non de moitos anos atrás. “Este é un proxecto fundamental para o desenvolvemento urbanístico de Baio polo que hoxe é un gran día para toda a veciñanza do noso municipio e tamén de orgullo para o goberno municipal por sacalo adiante”, remarca o Alcalde.

Por outra parte, no pleno extraordinario desta mañá tamén se aprobou por unanimidade nomear a Severino Regueiro Rial como Xuíz de Paz titular do Concello de Zas.

Compartir: