O Alcalde de Zas trasládalle á portavoz do BNG o malestar da veciñanza polo peche da oficina de Abanca da vila

30-08-2021

 

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, mantivo esta mañá en Santiago de Compostela un encontro coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no que lle trasladou o malestar da veciñanza polo peche da oficina de Abanca de Zas previsto para o vindeiro 8 de setembro. Este peche, unido aos das oficinas de Baíñas  - no Concello de Vimianzo - e de A Baña, afecta directamente a 10.000 persoas de toda a comarca. Durante o encontro, Muíño expuso a batería de accións conxuntas que os tres concellos están a levar a cabo dende o momento en que coñeceron a nova a través dos empregados da entidade ou ben da veciñanza.

“Este é claramente un novo episodio de abandono do rural que implica perda de servizos, a perda dese trato directo que recibe o cliente e afecta de negativamente na economía local”, explicou rexedor de Zas.

Coñecedora da situación de exclusión financeira na que se atopan nestes momentos unha gran cantidade de concellos galegos, Ana Pontón comprometeuse a trasladar todas as inquedanzas ao Parlamento Galego a través de diferentes iniciativas. Así mesmo, Pontón manifestou o seu malestar por estes peches que afectan a toda Galicia e que perxudican fundamentalmente a pensionistas, un dos grupos de poboación nos que existe unha maior fenda dixital. 

O BNG - Bloque Nacionalista Galego - xa presentou en diferentes ocasións varias iniciativas ante o Parlamento Galego, onde é o segundo grupo con maior representación, en defensa dunha banca pública que favoreza os intereses da veciñanza en lugar de favorecer os intereses económicos dunha empresa que os leve a tomar este tipo de decisións. Neste sentido, o Bloque pediu xa en varias ocasións ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo a súa intervención.

Ao encontro asistiron tamén outros representantes do BNG no Parlamento Galego, entre eles: Mercedes Queixas, portavoz de Cultura e que atende a comarca de A Coruña e As Mariñas; Mon Fernández Alfonzo, portavoz de Industria que cubre Ferrolterra, Eume e Ortegal; e Daniel Pérez, portavoz de Emprego e Turismo e que representa ás comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte no hemiciclo Galego. “O BNG quere un banco público mentras que o PP protexe e benefica á banca privada que foi desmantela despois de que o Goberno a rescatase con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e malvendida por mil millóns que a empresa xa recuperou no primeiro ano”, manifestaron. 

 

Manifestación do 2 de setembro

Por outra parte, o Alcalde de Zas recordou durante o encontro que o Concellos de Zas, Vimianzo e Abaña convocaron para o vindeiro xoves, 2 de setembro, ás 11:30 horas unha manifestación diante da sede de Abanca na Coruña e na que está confirmada a participación de veciños e veciñas dos tres municipios así como doutros concellos limítrofes afectados por estes peches.

Os tres deputados do BNG que asistiron ao encontro desta mañá confirmaron que apoiarán esta convocatoria coa súa presenza. 

 

Novas relacionadas

Compartir: