O Goberno Municipal de Zas oponse ao peche da oficina de Abanca da vila
11-08-2021
Está previsto que o vindeiro 8 de setembro peche a oficina de Abanca situada en Zas, un feito ao que se opón rotundamente o Goberno Municipal. Para o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, este peche supón un serio problema tanto para a veciñanza como para o comercio local xa que se lles priva da atención persoal e que se agrava ao tratarse dunha sucursal ubicada na propia capital municipal.
“No noso concello temos unha poboación envellecida que, en moitos casos, ten dificultades para desprazarse a outras zonas como Baio ou Santa Comba para facer as diversas xestións bancarias. Este peche é un ataque máis ao rural galego ademáis de supoñer un novo abuso para a clientela xa que a maior parte non ten os coñecementos necesarios para xestionar a súa banca online obrigándoos así a que terceiras persoas xestionen as súas contas”.
O Goberno Local coñeceu hoxe mesmo desta decisión polo que Manuel Muíño intenta coordinar accións con outros rexedores da zona para evitar este problema que afecta a moitas máis localidades do rural. “Todas e todos sufrimos o constante abuso do sector bancario co aumento das comisións e a reducción dos servizos ofrecidos e que axudan a engordar os beneficios da banca privada”, critica Muíño.
O rexedor de Zas lembra que Abanca foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e “malvendida por mil millóns de euros” a unha empresa que ano tras anos presenta beneficios a base de centralizar as operacións na banca virtual incrementando abusivamente as comisións e coa conseguinte destrucción de emprego e limitación da atención ao cliente. “Estas son as consecuencias que pagamos agora todas e todos”, indica Muíño.