Máis de 200 veciños e veciñas de todo o municipio participaron na concentración desta mañá para reixeitar o peche da oficina de Abanca de Zas
25-08-2021
A praza do Concello de Zas foi o punto de encontro para os máis de 200 veciños e veciñas de todo o municipio que participaron esta mañá na concentración convocada polo Goberno Municipal de Zas para rexeitar o peche da oficina de Abanca da vila.
A concentración comezou na praza do Concello onde o Alcalde, Manuel Muíño Espasandín, expuso todos os detalles sobre o peche desta sucursal bancaria prevista para o vindeiro 8 de setembro. “Coñecemos a nova o pasado 10 de agosto a través dun empregado da entidade e ata o momento ningún representante da empresa bancaria se puxo en contacto con nós para explicarnos os motivos desta decisión. Dende ese momento o noso equipo de Goberno está a facer todo o posible para evitar o peche”, indicou Muíño.
Dende o Goberno Municipal entenden que esta decisión entra dentro dunha folla de ruta marcada pola empresa e na que se inclúen tamén os peches das sucursais de Baíñas (no Concello de Vimianzo) e a A Baña. “Está previsto que as tres oficinas pechen o vindeiro 8 de setembro e no momento en que coñecemos a nova os tres rexedores decidimos emprender unha serie de accións conxuntas para entre todos facer que a empresa recapacite e se evite o peche destas oficinas”, indicou o rexedor de Zas. A pasada semana os tres alcaldes mantiveron unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, quen se comprometeu a impulsar unha enquisa entre todos os concellos galegos para coñecer como lles está afectando o peche de oficinas bancarias. Outra das accións levadas a cabo de forma conxunta foi a solicitude dunha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, da que aínda non teñen resposta.
Unha vez explicados todos os detalles, a veciñanza desprazouse ata diante da oficina de Abanca de Zas onde permaneciu durante uns dez minutos. Na concentración participaron veciños e veciñas de todo o municipio, representantes dos diferentes sectores empresarias do municipio, do movemento asociativo, do eido educativo e parte da corporación municipal.
Manifestación diante da sede de Abanca da Coruña
Dentro do plan de accións conxuntas que teñen previsto os Concellos de Zas, Vimianzo e A Baña está unha manifestación diante da sede de Abanca na Coruña que se celebrará o vindeiro 2 de setembro ás 11:30 horas. Manuel Muíño convidou a toda a veciñanza a participar nesta manifestación e dende o Concello porase a disposición de todo o que o desexe un servizo gratuíto de autobuses. Para usalo é preciso anotarse previamente no número de teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).
Novas relacionadas
- O Concello de Zas convoca unha concentración para rexeitar o peche da oficina de Abanca
- Os alcaldes de Zas, Vimianzo e A Baña acordan co presidente da Fegamp radiografiar o abandono do rural por parte de Abanca neste último ano
- Os Alcaldes de Zas, Vimianzo e A Baña solicitan unha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia para evitar o peche de oficinas de Abanca
- A Baña, Vimianzo e Zas anuncian mobilizacións conxuntas para evitar o peche de oficinas de Abanca nos seus municipios
- O Goberno Municipal de Zas oponse ao peche da oficina de Abanca da vila