Máis de 125 veciñas e veciños visitaron o tantatorio municipal de Zas durante as xornadas de portas abertas
24-02-2021
Era unha das obras máis demandadas pola veciñanza nos últimos anos e así o demostrou a cantidade de veciñas e veciños que se achegaron a coñecer as intalacións do tanatorio municipal de Zas durante as xornadas de portas abertas que se realizaron estes días. En total, algo máis de 125 persoas xa visitaron o edificio.
No Pleno Extraordinario celebrado o pasado venres, día 19 de febreiro, aprobouse unicamente cos votos a favor dos concelleiros do BNG, a ordenanza municipal e o regulamento para a xestión do tanatorio; un dos trámites administrativos necesarios para a súa posta en funcionamento. O servizo terá unha tarifa única de 350,57€.
A construción destas instalacións e a xestión de todos os trámites administrativos foi un dos grandes retos conseguidos polo equipo de goberno de Manuel Muíño. O Alcalde apunta que a cantidade de veciñas e veciños que se achegaron a coñecer estes días as instalacións pon de manifesto a importancia deste servizo “básico e necesario para o noso municipio e co que se dá resposta a unha histórica demanda veciñal”.
O tanatorio municipal de Zas é un edificio pioneiro na comarca que conta cunha planta única de máis de 330 metros cadrados útiles distribuídos en dúas salas de velación completamente equipadas. O Concello de Zas destinou un total de 454.484,94€ a este proxecto financiados na súa totalidade con fondos municipais, sen necesidade de recorrer a ningunha subvención.