Aprobada a construción do tanatorio de Zas cun orzamento de máis de 450.000 euros

21-09-2018

 

A corporación municipal aprobou onte o inicio do expediente de contratación das obras do tanatorio de Zas, cun orzamento de 454.484,94 euros que serán financiados na súa totalidade con fondos municipais.

Despois dun procedemento longo e complexo, o goberno municipal encabezado por Manuel Muíño foi quen de impulsar un proxecto que, como sinalou o propio alcalde durante o pleno extraordinario e urxente, “dá resposta unha vella reclamación da veciñanza, polo que é un día importante para o Concello de Zas”.

Segundo os prazos previsto, as obras arrancarán a comezos do ano que vén e terán un prazo de execución de oito meses. O novo tanatorio será dunha soa planta, con máis de 330 metros cadrados útiles nos que se distribuirán dúas salas de velación completamente equipadas. En canto á xestión, o goberno municipal aprobou o inicio do proceso de municipalización do servizo para que a actividade poida ser competencia do propio Concello de Zas.

Deseño pioneiro

O deseño do edificio será pioneiro na zona e o investimento realizarase con cargo aos fondos municipais sen a necesidade de recorrer a ningún tipo de subvención. “O proxecto representa máis dun 10% do orzamento municipal. Hai poucos concellos que poidan sacar adiante cos seus propios recursos unha obra desta envergadura sen financiación externa e sen recorrer a débeda, o cal demostra a boa saúde económica do Concello de Zas”, sinalou Manuel Muíño durante o pleno. O alcalde cualificou a construción do tanatorio municipal coma “a obra máis importante do noso goberno”, froito do compromiso e do empeño do goberno municipal do BNG en dar resposta a unha reiterada demanda veciñal, e destacou que “será unha realidade no próximo ano aínda que haxa quen lle intente poñer pegas”.

Compartir: