As obras do Tanatorio de Zas avanzan a bo ritmo
16-03-2019
As obras de construción do Tanatorio Municipal de Zas avanzan a moi bo ritmo cando ainda non se cumpriron dous meses dende a adxudicación dos traballos. O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, acompañado do Tenente de Alcalde, Óscar Lema, visitaron estes días o novo edificio que se está a construír nas inmediacións do Campo Municipal San Andrés.
O Concello de Zas construirá o tanatorio municipal cun orzamento de 454.484,94 euros que serán financiados na súa totalidade con fondos municipais sen a necesidade de recorrer a ningún tipo de subvención. O importe supón case o 10% do orzamento municipal para este ano. Se os traballos continúan como até o de agora, a empresa encargada da execución, Lires Cons S.L., prevé ter rematadas as obras a principios do próximo verán. As persoas que se acheguen estes días ata a zona xa se poden facer unha idea de como será o novo edificio xa que os seus cimentos están practicamente feitos.
O Tanatorio de Zas será un edificio pioneiro na comarca co que se dá luz verde a unha reiterada demanda veciñal. Terá unha soa planta, con máis de 330 metros cadrados útiles nos que se distribuirán dúas salas de velación completamente equipadas. En canto á xestión, o goberno municipal aprobou no Pleno do pasado mes de setembro o inicio do proceso de municipalización do servizo para que a actividade poida ser competencia do propio Concello de Zas.