O Concello de Zas destina 1 de cada 4 euros do orzamento do 2019 a investimentos
28-12-2018
A corporación municipal do Concello de Zas vén de aprobar no pleno extraordinario celebrado esta mañá o orzamento para o 2019 que ascende a 4.185.518,10€; un 3,59% máis que o do 2018. A proposta presentada e defendida polo goberno do BNG aprobouse, coa abstención do PP, nunha sesión plenaria duns vinte minutos de duración.
Así no 2019, o Concello de Zas xestionará uns orzamentos que, segundo o Alcalde de Zas – Manuel Muíño – “son conservadores e, ao mesmo tempo, expansivos xa que reflicten o noso compromiso cos servizos públicos e coas políticas sociais que, en definitiva, se traduce na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”. A construción do tanatorio de Zas, o mantemento das infraestruturas viarias e as políticas sociais son os eixos principais dos orzamentos para o próximo ano. En canto aos ingresos, o Concello de Zas mantén os niveis do último ano malia a non incrementar a carga impositiva para a veciñanza.
Principais investimentos
Os gastos de persoal, correspondentes ao capítulo 1, representan o 21,47% dos orzamentos para o 2019. Unha cifra que para o equipo de goberno do BNG de Zas é “conservadora e axeitada” e que se corresponde coas necesidades de persoal que ten o Concello de Zas. Os gastos correntes de bens e servizos, relativos ao capítulo 2 dos orzamentos, ascende a 2.109.794,76 euros o que supón o 50,40%. Esta é unha partida que lle permite ao Concello de Zas sufragar os gastos derivados da xestión do lixo, do alumeado público, do mantemento das instalacións deportivas, entre outros, e que segundo valorou Manuel Muíño “permite manter no mellor estado de conservación posible as nosas infraestruturas evitando así o seu deterioro”.
O capítulo 6, relativo aos investimentos reais, representa o 25,48% dos orzamentos o que se traduce en 1.066.845,02 euros. Neste apartado, o Alcalde de Zas destacou que é unha cifra “conservadora” xa que non se contemplan actuacións que xa están comprometidas por outras administracións como a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Neste sentido, esta partida - que permite acometer obras de importancia para o municipio como son o mantemento e a conservación da rede viaria municipal e dos edificios públicos así como os servizos sociais - incrementarase ao final do exercicio 2019. En canto as principais obras que se contemplan no orzamento para o 2019 destacan:
- Renovación das beirarrúas en Baio C-545: 117.899,34 euros
- MCR estradas Gomarís-Artón e Andregalla-Penedo (POS+ 2019): 67.869,06 euros
- Mellora das estradas municipais de O Allo, San Cremenzo, Gándara, Mira, Zas, Loroño, Roma, Meanos e Brandoñas (POS 2019): 106.466,11 euros
- Mellora das estradas municipais de Brandomil, Muíño e Meanos (POS+ 2019): 91.426,90€
- Aglomerado nas parroquias de Zas, Baio e San Adrián (POS+ 2019): 98.698,67 euros
- Inversión de reposición de infraestruturas viarias: 90.000 €
- Inversión de reposición de infraestruturas abastecemento: 000€
- Inversión de reposición de infraestruturas saneamento: 10.000€
- Construción do tanatorio de Zas: 454.484,94€
- Inversión de reposición en infraestruturas de A.P.: 3.000€
- Adquisición de mobiliario deportivo: 2.000€
- Adquisición de equipos informáticos: 3.000€
- Mobiliario: 6.000€
Política social
Os Servizos Sociais e a Promoción Social son outro dos piares dos orzamentos para o 2019 do Concello de Zas xa que supoñen case o 15% do total o que se traduce en 621.829,96 euros. Dentro deste apartado destacan as partidas destinadas á dependencia (479.216,52 euros) e a axudas para estudantes (30.000 euros). Durante a súa intervención no pleno, o Alcalde de Zas ratificou o compromiso do Concello de Zas coa política social comparándoo con outros municipios da zona e incluso coa propia administración autonómica. “Un 11,44% do orzamento do Concello de Zas destinase á dependencia; unha cifra bastante superior á da Xunta de Galicia que destina a esta partida o 3,88% do seu orzamento”, sinala Muíño.
Entre as prioridades do Goberno do BNG de Zas tamén está a creación de emprego que se reflicte nunha partida de 57.000 euros para o plan de emprego co que o Concello acometerá pequenas obras de mantemento municipal.