O Concello de Zas pon en marcha unha campaña de desinfección

20-03-2020

 

O Concello de Zas vén de poñer en marcha un dispositivo especial para desinfectar zonas comúns como os accesos aos edificios e comercios que manteñen a súa actividade para abastecer á poboación de productos de primeira necesidade e medicinas; tales como supermercados, bancos, farmacias, tanatorio,.… Destas tarefas encárganse os operarios municipais e ten como obxectivo reducir e minimizar o risco de contaxio por coronavirus entre a poboación.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, sinala que esta é unha medida de prevención que decidiu poñer en marcha o Concello de Zas co fin de evitar a propagación do COVID-19 ainda que o rexedor recorda que a principal norma é quedar na casa e non saír salvo naquelas situacións que estean xustificadas, sinala Muíño.

Esta é unha nova medida que se suma ás postas en marcha polo Concello de Zas ante a situación de emerxencia sanitaria causada pola expansión do coronavirus COVID-19. De feito os distintos departamentos municipais seguen atendendo aqueles casos de urxencia e extrema necesidade que afectan ás persoas máis vulnerables nesta situación como poden ser persoas maiores ou con patoloxías crónicas que viven soas. Habilitar un teléfono móbil a unha persoa maior do municipio que vive soa, dotar dunha camilla á nova zona de illamento coa que conta o Centro de Saúde de Baio, levar productos de 1ª necesidade familias vulnerables ou atender ás dubidas da veciñanza foron algunhas das accións realizadas estes días dende o Concello de Zas. 

Outras medidas polo COVID-19

Antes de que se declarase o estado de alerta, o Concello de Zas xa tomara outras medidas co fin de evitar a propagación do COVID-19 tales como suspender todas as actividades municipais, pechar ao público as Torres do Allo, suspensión da feira de Baio e do mercado mensual de Zas, entre outras.

Unha vez máis o Alcalde de Zas recoméndalle á veciñanza seguir encarecidamente as instruccións ditadas polas autoridades sanitarias competentes e non saír da casa.

Novas relacionadas

Compartir: