A Semana Cultural despídese para darlle paso á 36ª Festa da Carballeira

01-08-2019

A Semana Cultural chega mañá á súa fin para darlle paso á edición número 36 da Festa da Carballeira. Ao igual que estes días, a programación arranca ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas cun concerto didáctico de música e danza africana. “Son d’África” é un espectáculo dirixido ao público familiar e a entrada, como sempre, é de balde.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, continúa o curso de iniciación ao baile tradicional impartido polo Grupo de Baile Churía. E ás 18:00 horas, os máis novos terán a oportunidade de continuar co obradoiro “Complementos celtas” que ten lugar no Centro Sociocultural de Zas.

Festa da Carballeira

A programación da Semana Cultural pecharase o coa XXXVI edición da Festa da Carballeira que arranca mañá ás 22:00 horas coas actuacións de Perfusión, Susana Seivane, The Celtic Social Club e Dakidarría.

As entradas para o festival poderanse mercar en taquilla. Unha das novidades deste ano é o acordo solidario coa Fundación Íntegro (Asociación de persoas con diversidade funcional das bisbarras de Bergantiños) a través do cal doarase un euro por cada unha das entradas vendidas online ao longo destes meses.

Como é habitual, os asistentes contarán con zona de acampada, baños e ducha de xeito totalmente gratuito. O vaso ecolóxico é outra das iniciativas que tampouco faltará nesta edición da Festa da Carballeira coa que se reduce de xeito notable o impacto ambiental.

Novas relacionadas

Compartir: