Chega unha nova edición da Semana Cultural cargada de actividades para todos os públicos
22-07-2019
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Festa da Carballeira traénos unha nova edición da Semana Cultural organizada polo Concello de Zas. A programación, que arranca o próximo domingo día 28 e culmina coa XXXVI Festa da Carballeira, chega con actividades gratuítas para todas as idades e para todos os públicos.
Durante estes 7 días teremos espectáculos e actuacións de primeira liña, diferentes obradoiros, música, literatura e ademais o noso patrimonio será un dos protagonistas. O encargado de poñer en marcha este completo programa será o grupo Sen Tempo Teatro da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas coa súa obra “Cartos non hai”. A cita é o próximo domingo, 28 de xullo, ás 21:00 horas no Auditorio do Concello.
E xa o luns, 29 de xullo, arranca de cheo a programación que se desenvolverá principalmente no Centro Sociocultural de Zas. As propostas para o público infantil son moi variadas e que van dende a música ata os obradoiros. “Ioga-música” con Lydia Botana; o contacontos teatral “Avós” de Trinke Trinke Teatro; “A maxia da nosas letras” co Mago Teo ou “A maxia dos contos” con Ian&Elisa son algúns dos espectáculos que teremos ao longo da semana. Pero os máis novos tamén terán tempo para aprender e para poñer a súa creatividade a voar cos distintos obradoiros nos que afondaremos sobre temáticas tan variadas como os foguetes, doces e lambetadas saudables, complementos celtas ou a música e o baile tradicional.
A literatura terá tamén un espazo especial dentro da programación da Semana Cultural. A primeira das presentacións chega en clave feminina e vén da man da autora baiesa Carmen Valiña co seu libro “Emigración na Comarca de Soneira”. A cita é luns, 29 de xullo, ás 19:00 horas e, a continuación, o alumnado do CPI de Zas presentarán os seus traballos “Feminismo é Igualdade” e “Adolescentes en rebeldía”. O mércores, 31 de xullo, haberá unha nova presentación literaria a cargo do físico, tamén baiés, Jorge Mira. “Stephen Hawking. Unha breve historia do tempo” é o título do libro traducido por el mesmo. Mofa e Befa, Oswaldo Digón e Malasombra Teatro tamén visitarán Zas durante a Semana Cultural para traernos algúns dos seus mellores espectáculos dirixidos principalmente ao público adulto.
Roteiros
Pero como sinalabamos ao inicio, o noso patrimonio terá un protagonismo especial dentro Semana Cultural e será a través das dúas rutas guiadas. O primeiro dos roteiros realizármolo a tarde do martes, 30 de xullo, e visitaremos lugares tan emblemáticos do noso municipio como a carballeira de Baio, Pedra Vixía e as Torres do Allo nos que termos a oportunidade de coñecer o valor do noso “Patrimonio natural, etnográfico e arqueolóxico” coas explicacións de Xosé María Lema. E xa o mércores, día 31, ás 22:00 horas será de novo Jorge Mira quen nos guíe “Unha ollada ao firmamento” que realizaremos dende a Arca da Piosa. Para participar en calquera das dúas rutas é necesario anotarse previamente no propio Centro Sociocultural de Zas ou a través do número de teléfono 981 751 398.
Tamén como vén sendo habitual, o Centro Sociocultural de Zas acolle durante este días diferentes exposicións que se poden visitar de balde. Así, as distintas aulas acollerán unha mostra sobre o traxe tradicional da Terra de Soneira, os traballos realizados polo alumnado cos cursos municipais de calceta, bordado e macramé e unha selección de elementos relacionados coas diferentes edicións da Festa da Carballeira.
Festa da Carballeira
A programación da Semana Cultural pecharase o coa XXXVI edición da Festa da Carballeira na que contaremos con artistas de primeiro nivel nacional e internacional como Susana Seivane, Tanxugueiras, Korrontzi, Celtic Social Club,…. As entradas para o festival xa están á venta a través da páxina web www.festadacarballeira.com e co fin de que toda a veciñanza participe neste evento o Concello de Zas pon a disposición de cada vivenda dúas invitacións para acceder de forma gratuíta ao festival. As entradas poderán retirarse nas oficinas municipais ata o 2 de agosto.