A 36 edición da Festa da Carballeira xa está aquí
11-06-2019
Esta mañá tivo lugar a presentación do cartel e das novidades da 36º Edición da Carballeira de Zas; unha cita obrigada para todos os amantes do folk que se celebra, como vén sendo hatibual, a primeira fin de semana de agosto (venres 2 e sábado 3).
O Alcalde de Zas e tamén Deputado, Manuel Muíño Espasandín, asitiu á presentación oficial do evento que se celebrou esta mañá na Coruña. Ao acto tamén asistiu a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; ademáis de Víctor Mantiñán, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, a gaiteira Susana Seivane; e Fidel Otero, técnico do Concello de Zas.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, animou á participación na festa e destacou a relevancia que supón en canto promoción da nosa música. "Estamos nun festival que é música e natureza, encontro e festa... unha cita ineludíbel do verán que é a época dos festivais, esas plataformas de difusión cultural cos que nos comprometemos desde a Deputación da Coruña", sinalou na súa intervención.
Pola súa banda, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, declarou que "é unha honra poder seguir presentando este evento como referente da cultura de Zas e da música folk"; mentras que o responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán, resaltou que "é un honor apoiar os eventos en Galicia e poder traballar na Carballeira".
Ademais, a gaiteira Susana Seivane, un dos pratos fortes desta edición, quixo participar da presentación apoiando á directiva do festival. Seivane, para a que actuar na Carballeira "era unha débeda pendente", ofreceu un pequeno concerto aos presentes, como adianto da súa actuación o día 2 de agosto. Neste ano, a Carballeira de Zas énchese de tradición galega grazas a artistas como Perfusión, que abrirá a festa, Susana Seivane coa súa gaita, as pandereteiras Tanxugueiras, Dakidarria ou Monoulious Dop. Ademais, o festival volverá a ofrecer a posibilidade de gozar de recoñecidos grupos do ámbito nacional, como os vascos Korrontxi e internacional, coa banda bretona Celtic Social Club e os irlandeses Fourth Moon.
Rematarán a festa, o sábado de madrugada, o grupo escocés Tide Lines e o galego Baiuca. A clásica sesión vermú da Carballeira ofrecerá as actuacións de Os Farrapos, Fourth Moon, Vudú e unha regueifa con Lupe Blanco e Alba María.
A Carballeira máis solidaria
As entradas para o festival poderanse mercar dende hoxe mesmo na páxina www.festadacarballeira.com e a través de Ticketea, tendo un prezo de saída de 10€, o bono para os dous días, tarifa que se manterá durante o mes de xuño. En xullo pasará a costar 12€. A venda en taquilla será de 15€, bono de dous días.
Unha das novidades máis importante este ano será o acordo solidario ao que chegaron a organización do festival coa Fundación Íntegro, Asociación de persoas con diversidade funcional das bisbarras de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. De cada entrada mercada online doarase 1€ á asociación. Un xesto co que a Carballeira apoia e recoñece o labor desenvolto pola Fundación. Como en pasadas edicións os asistentes poderán contar con zona de acampada gratuíta, baños e duchas. Evento familiar Un ano mais, a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o desfrute de maiores y pequenos, contando con unha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e diferentes actuacións a partir das 14:00 horas.
Fonte: Deputación de A Coruña