A Semana Cultural de Zas trae unha nova xornada cargada de actividade
30-07-2019
Un día máis, a programación da Semana Cultural organizada polo Concello de Zas non deixará tempo para o aburrimento. As actividades programadas para mañá arrancan ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas cun espectáculo de maxia dirixido ao máis novos da casa. Para iso contaremos co Mago Teto que nos traerá unha función que leva por título “A Maxia das nosas letras”.
Xa pola tarde continúa o obradoiro de cociña “Doces e lambetadas saudables”, dixirido pola dietista Sonia Ferreiro, e o curso de iniciación ao baile tradicional impartido polo grupo de baile Churía.
Ás 18:00 horas comeza o obradoiro “Arte con fíos” dirixido ao público adulto e que impartirá Belén Sandía. Ainda quedan prazas libres polo que os/as interesados/as en asistir están a tempo de anotarse no 981 751 398.
E xa pola noite teremos unha das citas de maior éxito da Semana Cultural e que bautizamos co nome “Unha ollada ao firmamento”. Para iso trasladarémonos en autobús ata a Arca da Piosa e dende alí Jorge Mira será o encargado de guiar a observación astronómica dende un lugar cargado de historia. Para participar é necesario anotarse previamente no número de teléfono 981 751 398. A saída será ás 22:00 horas dende o Centro Sociocultural de Zas pero un pouco antes, ás 21:15 horas, terá lugar a presentación do libro da USC “Stephen Hawking. Unha breve historia do tempo” traducido por Jorge Mira.
Todas as actividades son de balde.