Campamentos, excursións, deporte, andainas,… enchen de actividade o verán en Zas

24-06-2019

Chega o verán e no Concello de Zas xa temos preparada unha completa programación con actividades para todos os gustos e dirixidas principalmente aos máis novos da casa. Campamentos, excusións, día da bici, Dépor Campus, concentración de motos clásicas, Os venres a pé,… son algunhas das actividades coas que desfrutaremos ao longo dos próximos meses.

Como vén sendo habitual, durante os meses de xullo e agosto ofertaranse os cursos de natación nas piscinas municipais de Baio e de Zas e nas que haberá distintos grupos en función das idades. O único requisito para participar é ter o carné da piscina que se pode tramitar nas dependencias administrativas do Concello de Zas.

Tamén como de costume, o Concello de Zas pon en marcha un ano máis os campamentos urbanos e deportivos dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos.  Os campamentos realizaranse do 1 ao 19 de xullo no Centro Sociocultural de Baio e no Centro Sociocultural de Zas en horario de 10:00 a 14:00 horas. A inscrición, que xa pode realizarse dende hoxe e ata o venres 28 de xuño, ten un custo de 10€ para os empadroados/as e 20€ para os non empadroados/as.

Festa infantil

A programación do verán trae un ano máis unha das citas máis agardadas polos nosos nenos e nenas: a festa infantil. A cita é o sábado 13 de xullo entre as 16:00 e as 20:00 horas. Ese día o campo de fútbol e a piscina municipal de Zas converteranse en auténticas pistas de xogo nas que non faltarán os inchables, os tobogáns acuáticos, un touro mecánico, a festa da escuma e… moito máis! A entrada é de balde para todos e todas e tan só é necesario traer bañador e chanclas para poder desfrutar da piscina.

Pero a programación de verán tamén trae actividades para os adultos tales como a XV Concentración de Motos Clásicas que terá lugar o domingo día 21 de xullo. As motos, de máis de 30 anos, concentraranse ás 10:00 horas en Baio dende onde partirán para visitar distintas localidades da Costa da Morte. Haberá agasallos entre os/as participantes despois do xantar e a actividade ten un custe de 15€ por participante.

Outra das citas que tampouco falla na Programación de Verán organizada polo Concello de Zas é o campamento en Naturmaz que este ano será os días 22, 23 e 24 xullo. Nel poden participar os nenos e nenas de entre 7 e 14 anos e ten un custe de 50€ para os empadroados/as e de 95€ para os non empadroados/as nos que se inclúe aloxamento en albergue, comidas e distintas actividades como tirolesa, escalada, paintball, circuito multiaventura, rappel, tiro con arco, piragüismo, sendeirismo con orientación, manta raia, busca do tesouro, xogos, veladas, e moito máis. Hai un total de 45 prazas dispoñibles.

Semana Cultural

Antes de entrar de cheo nas actividades do mes de agosto, pasaremos pola Semana Cultural que arranca o 29 de xullo e culmina coa 36º Festa da Carballeira de Zas. Será unha semana cargada de actividades para todos e para todas e na que non faltarán o humor, os talleres e as andainas para coñecer o noso rico patrimonio. Pero para coñecelas todas con máis detalle, temos que agardar un días!

Nesa mesma semana, do 29 de xullo ao 2 de agosto, tamén volverá ao noso concello o Dépor Campus. Serán os adestradores do Real Club Deportivo da Coruña os que guíen as xornadas de entrenamento e diversión que se desenvolverán entre as 10:00 e as 14:00 horas no campo municipal Platas Reinoso de Baio.

Os venres de agosto estarán adicados ás andainas a través da actividade “Os venres a pé” e que están dirixidas a maiores de 7 anos e adultos. A través destes percorridos – que serán os días 9, 16 e 23 de agosto – os participantes coñecerán as disintas parroquias do concello.  Outra das actividades para participar en familia é o día da bici que celebraremos o 11 de agosto cun fermoso percorrido polo noso municipio. E uns días máis tarde, o 13 de agosto, temos preparada para os máis novos unha excursión ao Aquapark de Cerceda e na que poderán participar os nenos e nenas de 8 a 16 anos.

Na nosa programación de verán tampouco podía faltar as Torres do Allo, un dos edificios máis emblemáticos do noso concello. Así que para o 14 de agosto xa temos preparadas unha morea de actividades para pasar “Un día nas Torres”. A través dos diferentes obradoiros e xogos descubriremos como era a vida nos pazos. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 4 a 12  anos.  

Outra das saídas que realizaremos este verán será o 22 de agosto. Ese día desprazarémonos ata Lugo para coñecer o Castro de Viladonga, o aeródromo de Rozas e o nacemento do Río Miño. Hai un total de 50 prazas dispoñibles e os destinatarios son nenos e nenas de 7 a 16 anos.

Nos últimos días de agosto haberá outro campamento que nesta ocasión virá en clave ambiental. Será os días 19, 20 e 21 de agosto no Centro Sociocultural de Baio e os días 26, 27 e 28 de agosto no de Zas e nos dous casos será de 10:00 a 14:00 horas. A programación do verán remata o 25 de agosto co XXXII Trofeo de Fútbol Concello de Zas no que participarán os nosos equipos locais.

Inscricións

O prazo de inscrición para as diferentes actividades xa está aberto dende hoxe. As persoas interesadas poden ampliar información e inscribirse no Centro Sociocultural de Zas ou no Centro Sociocultural de Baio en horario de luns a venres de 09:30 a 14:00 horas. Tamén se pode ampliar información nese mesmo horario a través dos números de teléfono 981 751 398 ou no 981 718 056.

Descargas

Compartir: