O Concello de Zas critica o retraso da Xunta na resolución dos expedientes de valoración de dependencia

28-02-2019

 

O Concello de Zas critica o retraso da Xunta de Galicia en resolver os expedientes de valoración de dependencia que, seguindo a normativa, non debe superar os seis meses. De aí que o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, denuncie os casos particulares de tres veciños que levan agardando máis de oito meses pola valoración e a posterior resolución.

Os prazos previstos na Lei de Dependencia fixan un máximo de seis meses para valorar o grao de dependencia e asignar a atención correspondente: tres para determinar se a persoa solicitante cumpre os requisitos e cal é o seu grao de dependencia e os outros tres para elaborar o PIA – Plan Individual de Atención -. “Non poden pasar máis de seis meses desde que un veciño ou veciña solicita a dependencia ata que a Xunta de Galicia lle asigne, sempre que proceza, a asistencia. É dicir, como máximo en seis meses o dependente ten que dispoñer do servizo polo que nestes tres casos de Zas a Xunta de Galicia está incumprindo a lei”, sinala Manuel Muíño. O rexedor lamenta os graves problemas que esta agarda está a provocar aos solicitantes, que se ven privados dun servizo imprescindible para a súa vida cotiá.  Muíño é consciente de que esta situación se estende ao resto dos municipios galegos, que son encargados de facer os trámites deste programa xestionado pola Consellería de Política Social.

Lista de agarda

A deficiente xestión que se está a facer desde a Xunta de Galicia en materia de dependencia esténdese tamén ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que o número de horas que ten asignadas o Concello de Zas son insuficientes para atender a todas as persoas dependentes que xa teñen aprobadas as prestacións. O número de usuarios/as medrou de forma significativa nos últimos anos, e aínda que no último ano o número de horas para a dependencia aumentou no Concello de Zas nun 51%, as case 27.000 horas das que dispoñemos non cobren todas as prestacións aprobadas. “A lista de agarda que hai hoxe no Concello de Zas en dependencia é provocada pola Xunta de Galicia xa que concede horas aos dependentes, pero non aumenta as horas que ten asignadas ao concello para que este poida prestarllas a eses dependentes. Confundindo deste xeito aos usuarios, que  pensan que xa poden desfrutar desas horas porque teñen aprobada a súa prestación.”, critica o Alcalde Manuel Muíño.

Novas relacionadas

Compartir: