O pleno acorda modificar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar para asumir o 100% das horas de dependencia asignadas
04-01-2019
A corporación municipal adoptou no primeiro pleno do ano o acordo que lle permitirá ao Concello de Zas cubrir todas as horas que ten asignadas para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dirixido a persoas en situación de dependencia.
O contrato vixente non permitía cubrir todas as horas debido a que no último ano aumentaron nun 51%. Coa modificación aprobada, o Concello de Zas poderá destinar ao SAF de dependencia as horas que non se precisen no SAF básico, e ademais permitirá poñer en marcha o procedemento de licitación do novo contrato de axuda no fogar, xa que o número de horas dispoñibles esgotaranse, previsiblemente, entre os meses de marzo e abril. Mentres tanto, o acordo adoptado pola corporación este xoves permitirá ao Concello de Zas asumir o 100% das horas designadas pola Xunta de Galicia e achegar o servizo a 9 persoas máis en situación de dependencia.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, explicou a problemática que sofren os concellos galegos coa Lei de Dependencia. De feito, a pesar da ampliación aprobada, o número de horas que ten asignadas o Concello de Zas pola Xunta de Galicia non son suficientes para cubrir a lista de agarda actual. “Malia que se nos asignaron 574 horas máis, non son suficientes para cubrir a demanda dos veciños e veciños de Zas que teñen a prestación aprobada pola Xunta de Galicia”, sinalou o alcalde de Zas durante o pleno. Actualmente, o Concello de Zas dispón de 26.244 horas para atender a 47 dependentes.
Nun concello cun alto nivel de dependencia e cunha poboación envellecida, a política social en xeral, e a atención á dependencia en particular, é unha prioridade para o equipo de goberno do BNG. “É unha situación á que lle levamos moito tempo dando voltas co fin de buscar a mellor solución para os nosos dependentes, que son os principais prexudicados”, indicou Manuel Muíño.
Valoracións do grao de dependencia
O alcalde lamentou tamén “o retraso de dous anos na valoración da dependencia”, que é o tempo medio que tarda a Xunta de Galicia en resolver o caso dun veciño ou veciña do Concello de Zas. Tamén criticou a falta de planificación no número de horas asignadas, xa que se fai “a finais de ano”, o que cal impide que se poda asumir ese incremento orzamentariamente.
Actualmente existen dous tipos de demandas no Servizo de Axuda no Fogar, que son, por unha parte, os casos de dependencia que requiren unha valoración por parte da Xunta de Galicia, responsable de establecer o grao de dependencia (I, II ou III), e, por outra, as demandas de libre concorrencia.
O custe e o número de horas asignadas centrou o debate entre goberno e oposición. O representante do Partido Popular citou durante a súa intervención datos doutros concellos e do propio municipio que, segundo sinalou o rexedor, son confidenciais. “Estamos cansos de que a propia Xunta de Galicia faga de oposición nos municipios nos que non goberna o Partido Popular filtrando datos confidenciais dos nosos veciños e veciñas”, denunciou Muíño.