Xa coñecemos os gañadores do concurso de Nadal “PanxoliñaZas”
03-01-2019
A cuarta edición do concurso de Nadal “PanxoliñaZas” xa ten gañadores. Logo de visualizar todos e cada un dos oito traballos participantes, os gañadores foron consensuados polo xurado integrado por membros do Concello de Zas e doutras tres asociacións do municipio.
A relación de premiados é a seguinte:
- Premio ao vídeo máis popular en Facebook: “Polo Nadal”, do CPI de Zas, que recibiu un total de 114 gústames durante o período de votacións na páxina oficial de Facebook do Concello de Zas
- Premio a mellor presentación e posta en escena: “O Nadal do Allo”, de Os Petadores
- Premio ao vídeo con máis fidelidade á tradición galega: “Canto de reis de Langueirón”, da Asociación de Baile Tradicional Churía
- Premio ao mellor vídeo infantil: “Con un sombreiro de palla”, da Asociación A Pita Cega
Este é o cuarto ano que o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, organiza este concurso no que ano tras ano medra en participantes e que xa é unha peza máis do programa de Nadal de Zas. Con este certame preténdese formentar o uso da lingua galega e das novas tecnoloxías así como manter as tradicións.
O próximo sábado, 5 de xaneiro, terá lugar a entrega de premios no Centro Sociocultural de Zas ao remate da actuación infantil que acompañará á recepción dos Reis Magos.