O Concello de Zas reparte 400 euros no concurso de Nadal “PanxoliñaZas”

05-12-2018

Co fin de fomentar o uso da lingua e das novas tecnoloxías, así como de manter as tradicións, o Concello de Zas vén de abrir un ano máis o prazo para participar no concurso de Nadal “PanxoliñaZas”.

Este é o cuarto ano que o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, organiza este concurso no que ano tras ano medra en participantes.  No certame poden participar toda a veciñanza de Zas, independentemente da súa idade, e pode facelo tanto de forma individual como en grupo. Os participantes deberán gravar un vídeo cantando unha panxoliña ou un canto de Aninovo que poden ser tradicionais ou de creación propia. O único requisito é que sexa en galego.

O prazo de presentación dos traballos remata o 21 de decembro de 2018 e poden enviarse por correo electrónico ao enderezo turismozas@gmail.com, a través da plataforma Wetransfer ou entregando nun lápis de memoria nas dependencias municipais.  En calquera das vías que se utilice débese indicar o asunto (“Concurso de Panxoliñas”) xunto cos datos do/dos participantes (nome, apelidos, DNI, idade, enderezo postal e un número de teléfono de contacto).

Premios

Os traballos penduraranse na páxina de Facebook “Concello de Zas Actualidade Municipal” do 22 ao 27 de decembro e os internautas encargaranse de votar polo seu vídeo favorito. O que máis gústame teña recibirá o premio ao vídeo máis popular. Ademais premiaranse, a criterio dun xurado formado por membros do Concello de Zas e de tres asociacións do municipio, os traballos pola súa presentación e posta en escena, pola súa fidelidade á tradición galega e un vídeo infantil. En total outorgaranse catro premios de 100€ cada un xunto cun diploma acreditativo.

“Animamos a todos os veciños e veciñas a que participen neste certame co que pretendemos conservar as tradicións dunha zona tan rica na música e no baile tradicional como é a de Zas”, sinala o Concelleiro de Cultura, Manuel García Velo.  Ademais este tipo de traballos fomentan o traballo en equipo. As bases completas do concurso poden consultarse no documento que atoparás ao final desta nova.

Descargas

Compartir: