Confecciones Valiña e Modas Lodi gañan o concurso de escaparates “En Negro Contra as Violencias”

31-12-2018

 

Erradicar a violencia de xénero será un dos desafíos os que se enfronten as administracións e demais axentes sociais ao longo do 2019. Con esta premisa entregáronse esta mañá no Concello de Zas os premios do Concurso de Escaparates “En Negro contra as Violencias” no que participaron varios establecementos comerciais do municipio. Confecciones Valiña e Modas Lodi recibiron o premio (un trofeo e un diploma) que se lles entregou durante o acto que tivo lugar esta mañá na Casa Consistorial de Zas e ao que asistiron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, xunto coa responsable do CIM – Centro de Información á Muller –, Carmen Espasandín. Patricia Senande, Concelleira de Igualdade de Zas, non puido asistir ao acto de entrega dos premios por cuestións persoais.

Os membros do Centro Especial de Emprego Aspaber encargáronse do deseño e da elaboración dos trofeos. O xurado do concurso de escaparates tivo en conta a composición, a utilización de elementos propios da campaña, o uso do galego así como a implicación dos responsables dos comercios nas distintas actividades que se desenvolveron entre o 19 e 29 de novembro de 2018 no marco do programa “En Negro contra as Violencias”. Ao igual que nos anos anteriores, rexistrouse unha amplísima participación do empresariado local na campaña que transformaron os seus escaparates para mostrar o seu rexeitamento á violencia usando cores negras e difundindo mensaxes da campaña.

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Zas - a través da Concellería de Igualdade – participou na campaña “En Negro Contra as Violencias” impulsada polo Concello de Santiago de Compostela e na que participaron máis de cen municipios galegos xunto coas Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Foron varias as actividades que se desenvolveron no noso municipio no marco desta campaña de sensibilización e nas que houbo un alto nivel de participación por parte de distintos sectores da nosa veciñanza. Nesta ocasión, coordináronse diferentes actividades nas que se implicou ao tecido empresarial, asociativo, educativo e deportivo do municipio e que se desenvolveron ao redor do 25 de novembro, data na que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Novas relacionadas

Compartir: